COMERCIO

O Concello de Santiago elaborará un censo de locais comerciais baleiros

10/09/2012 A Concellería de Comercio, dirixida por Reyes Leis, elaborará un censo de locais comerciais baleiros en Santiago co obxectivo de facilitar a implantación de proxectos comerciais na cidade. O censo comercial publicarase posteriormente na páxina web municipal para que todos os emprendedores e comerciantes podan consultar información sobre posibles localizacións dos seus proxectos.

O censo comercial tamén será unha ferramenta de utilidade para as administracións públicas, que terán información precisa para poder desenvolver unha definición e planificación de políticas para o desenvolvemento do pequeno comercio. Entre outras cousas, permitirá coñecer cal é a demanda real de arrendatarios ou compradores de locais comerciais e identificar liñas de acción para aumentala.

Para cada un dos baixos comerciais dispoñibles recollerase a seguinte información: persoa de contacto, enderezo do local, se se atopa en réxime de venda ou aluguer, prezo de venda ou aluguer, dispoñibilidade de licenzas de actividades previas e características de interese do local dispoñible tales como metros cadrados, metros lineais de fachada, necesidade de reforma, número de estancias, entradas de acceso, acceso para minusválidos…

Toda a información recompilada publicarase en páxina web, onde os interesados en desenvolver un proxecto comercial na cidade poderán ver as posibilidades de locais na cidade. O censo comercial será unha importante ferramenta de traballo posta á disposición de balde a axencias inmobiliarias e propietarios. As negociacións e formalizacións de contratos serán sempre entre os interesados e os propietarios ou, no seu caso, as axencias inmobiliarias, sen participación do Concello.

Compartir: