DEPORTES

O concelleiro de Deportes recibiu o novo récord Guinnes de resistencia cunha bicicleta adaptada

10/09/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, recibiu na praza do Obradoiro o ciclista valenciano Francisco Domingo, tras lograr o récord Guinness de resistencia cunha bicicleta adaptada, ao conseguir realizar 6.135 quilómetros en 58 días. Este deportista converteuse ademais na persoa con discapacidade física que ten realizado o Camiño coa maior distancia percorrida.

Despois de atravesar dez países europeos; de cruzar os Alpes Suízos, a Selva Negra alemá ou o Canal da Mancha, de pasar unha ola de calor en Italia e outros momentos complicados, Domingo chegou ao final do itinerario e conseguiu a marca Guinness de resistencia sobre una bicicleta adaptada, o cal se atopaba anteriormente en 5.421 quilómetros en 90 días.

Adrián Varela expresou a "honra e o orgullo" que para o Concello supoñía que Domingo escollera Santiago e a praza do Obradoiro para a finalización da súa xesta. "Es exemplo de sacrificio, esforzo e superación para a xente nova, e desexamos que sexa o principio dunha gran carreira deportiva", díxolle ao ciclista.

Pola súa parte, Francisco Domingo declarou a súa felicidade polo reto conseguido e agradeceu a todo o equipo e ás 40 empresas que o apoiaron no proxecto. A propósito do percorrido, apuntou que "foi en xeral duro, pero o realmente complicado foi o Camiño primitivo de Santiago, onde máis sufrín con diferenza, porque as subidas eran colosais e pedalear cos brazos por eses lugares foi realmente difícil".

Compartir: