CULTURA

A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias no Auditorio de Galicia

04/05/2006 A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, dirixida polo Maximiano Valdés, ofrece mañá venres un concerto no Auditorio de Galicia. O programa está dedicado integramente a D. Shotakovich.

Na primeira parte do programa interpretarán o Concerto para violoncello e orquestra núm. 1, no que poderá admirar ao violoncellista noruegués Truls Mörk, para rematar coa Sinfonía núm. 7, en Do maior, op. 60 "Leningrado" na que o compositor describe o horror, a crueldade, a morte e o sangue causados polas tropas alemás que sitiaron a cidade de Leningrado no ano 1941. Transcorreron 66 anos, Leningrado recuperou o seu vello nome de San Petesburgo e as guerras continúan sendo igual de frecuentes e crueis.

A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, (OSPA) herdeira da Orquesta Sinfónica de Asturias que iniciou a súa traxectoria en 1939 da man de Amalio López, deu o seu primeiro concerto o 12 de maio de 1991 no Teatro Campoamor. A súa actividade musical abarca todo tipo de programacións, realizando máis de 70 concertos sinfónicos ao ano, repartidos entre a súa sé permanente do Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo, o Teatro Jovellanos de Gijón, o Auditorio da Casa de Cultura de Avilés e as principais vilas asturianas durante os concertos de verán.

Compartir: