NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA E FESTAS

Noite de cine galego e corais

08/09/2012 A proxección do filme Vilamor, de Ignacio Vilar, no marco do programa Redecinema, converteu a praza da Quintana nunha gran sala de cine ao aire libre. Antes, as corais foran as protagonistas no Teatro Principal da primeira xornada do certame Compostela Canta.

A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, non quixo perderse a proxección de Vilamor xunto co numeroso público que se achegou á Quintana. Logo da exhibición da película, os espectadores puideron manter un coloquio co director e cos protagonistas.

Xa pola tarde, no Teatro Principal, celebrárase a primeira das xornadas do I Encontro de Corais Compostela Canta, cun grande éxito de público. Entre o mesmo atopábase o concelleiro de Festas, Francisco Noya, que puido gozar das interpretacións das corais A Xuntanza, Santa Susana, Amigos de Compostela, A Ruliña de Laraño e Cantigas e Agarimos.

O certame continúa o domingo, tamén ás 20:00 horas. Desta vez, as corais protagonistas serán La Salle, Asubío, Coto da Nai, Irmán Gómez e Castrosúa.

Compartir: