ALCALDÍA

Máis de 60 peregrinos fan o Camiño de Santiago para loitar contra o estigma da enfermidade mental

07/09/2012 Case 60 persoas con enfermidade mental, monitores e un grupo de familiares chegaron a Santiago tras percorrer o Camiño de Santiago. Trátase dunha actividade organizada pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais de Galicia (Feafes Galicia), que se celebra por terceiro ano consecutivo tras o éxito de participación en 2010 e 2011.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e parte da Corporación recibiron estes peregrinos en Raxoi, en recoñecemento ao seu esforzo e ás súas reivindicacións. A viaxe comezara o mércores 5 de setembro en Salceda (O Pino). Tras a súa chegada a Santiago, todos os peregrinos recibiron o certificado que acredita que percorreron 28 quilómetros do Camiño. Tras a recepción estaba prevista unha comida de confraternidade.

Esta actividade, organizada polo Departamento de Ocio e Deportes de Feafes Galicia, quería mostrar á sociedade a imaxe positiva do colectivo de persoas con enfermidade mental. Trátase de loitar de modo activo contra o estigma social, amosando unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental. Ademais, esta iniciativa serve para reivindicar a creación, mantemento e desenvolvemento de recursos orientados á recuperación destas persoas e para demandar que dispoñan dunha atención integral, con continuidade de coidados.

Así mesmo, a práctica de deporte resulta moi beneficiosa para a saúde das persoas con enfermidade mental, ademais de axudar á súa rehabilitación e fomentar a súa autonomía e integración social. De feito, ao longo destes días, os participantes puideron coñecer ao longo do Camiño a peregrinos de todos os lugares do mundo e intercambiar experiencias con eles.

Neste ano 2012, participaron na iniciativa as asociacións Morea, Avelaíña, Lenda e Portanova, integradas na Federación. Este ano a peregrinación aumentou de tres a catro días.

Antes de iniciar a viaxe, os participantes recibiron documentación dos monumentos e obras arquitectónicas que atoparon ao longo de percorrido, así como das sinais de referencia para seguir o itinerario. Dispoñían igualmente dunha guía con consellos para ir ben equipados e preparados.

Feafes Galicia
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que representa ao colectivo de persoas con enfermidade mental da Comunidade, das que máis de 39.000 teñen certificado de discapacidade.

Creada en 1995, a Federación agrupa na actualidade a 14 asociacións repartidas por Galicia, con centros e servizos en 28 localidades. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e a dos seus familiares. A través dos recursos de Feafes Galicia aténdense a 2.750 persoas.

Compartir: