ECONOMÍA

O CERSIA acolle o seminario para emprendedores "Ata onde queres chegar?"

07/09/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis; o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro; e os representantes da Asociación Club Emprende MAS, Román Iglesias e Natalia Gómez, presentaron en Raxoi o seminario para emprendedores Ata onde queres chegar?, dirixido a mozos entre 17 e 35 anos, emprendedores e persoas desempregadas.

Ata onde queres chegar? é unha actividade estruturada en tres bloques: Xestiona, Comunica e Vende a túa idea. O seu obxectivo é dotar os asistentes das habilidades e competencias precisas para desenvolverse no seu entorno real, tanto para cambiar como para crear algo.

Cada un dos bloques está dividido nunha parte teórica na que se explican os conceptos básicos e dúas partes prácticas con profesionais e emprendedores de recoñecido prestixio nacional e internacional.

Ao final das actividades terá lugar unha innovadora xornada de Outdoor Training na que os participantes poderán poñer en práctica o aprendido durante o seminario. O Outdoor Training consiste en desenvolver actividades de grupo ao aire libre para mellorar as competencias necesarias para o proceso de emprendemento.

A entidade organizadora do Seminario e a Asociación Club Emprende MAS, que conta coa colaboración de Xuventude.net, Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Universidade de Santiago, Cátedra Bancaja Jóvenes Emprendedores e ANEET.
O seminario desenvolverase ao longo do mes de setembro. A inscrición é gratuita e pode facerse a través da páxina web do CERSIA. O prazo remata o 9 de setembro.

O seminario tamén ten a súa propia web: www.ataondequereschegar.es

Documentos relacionados



Compartir: