EDUCACIÓN

Os máis pequenos achéganse á Praza de Abastos

04/05/2006 Achegar aos nenos e nenas a eses lugares representativos da dinámica da cidade é o obxectivo do programa "Vivir Santiago". Un deses lugares é a Praza de Abastos, que está a acoller a visita de grupos de escolares de Santiago e da comarca, coa fin de ensinarlles o proceso de comercialización dos diferentes produtos ata chegar ao consumidor.

Esta iniciativa permítelles aos alumnos de educación infantil e primaria percorrer un centro expendedor de produtos básicos para a cidade e relacionalo coas súas actividades diarias. "É importante a experiencia que para os nenos representa o contacto directo con estes produtos", apuntou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, na presentación desta iniciativa. Acompañárona a xerente da cooperativa do Mercado de Abastos, Marta Rey, e o seu presidente, José Ramón del Río.

Ademais da visita á praza, os nenos participan en obradoiros artesanais de elaboración de produtos cárnicos, onde aprenden como se fan os chourizos, nas súas diferentes modalidades, ou as hamburguesas, entre outros alimentos. Deste xeito coñecen técnicas e elementos tan descoñecidos para eles coma os aparatos, as especias, as tripas, os atados ou a cordelería. Tamén hai obradoiros dedicados ao peixe e ás verduras, hortalizas e flores.

A Praza de Abastos é un dos lugares de interese elididos como no programa "Vivir Santiago", unha iniciativa que promove o coñecemento do noso patrimonio cultural, contribúe á formación da cidadanía e proporciona recursos ao profesorado que traballan os aspectos relacionados co coñecemento do medio. A realización de visitas guiadas a centros de interese da cidade constitúen o eixo central deste programa.

Compartir: