XUNTA DE GOBERNO

Aberto o prazo de inscrición nos servizos de comedor e de madrugadores

06/09/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a apertura do prazo de inscrición nos servizos de comedor e de madrugadores para o curso 2012-2013 na rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello. Tamén se adxudicou a xestión da Escola Infantil de Salgueiriños ata o 31 de decembro.

A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez recordou que o servizo de comedor prestarase nos seguinte centros: Apostólo Santiago, Cardela Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e, no caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa, só o servizo de madrugadores.

O impreso de solicitude, debidamente cuberto, acompañado da documentación solicitada, entregarase no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou nos rexistros auxiliares do Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo) e do CERSIA (avenida do Alcalde Raimundo López s/n), e os sábados só no Rexistro Xeral, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O modelo oficial pode descargarse nesta páxina web no enlace disposto ao efecto

O prezo do menú a pagar po cada familia será de 2,94 euros (tras o desconto por subvención do Concello) polo xantar e de 1,39 euros polo almorzo. Os usuarios dos servizos deberán efectuar o pago mensual dos servizos solicitados á empresa
adxudicataria, por adiantado, mediante domiciliación bancaria, nos últimos cinco días do mes anterior á prestación do servizo.

Os servizos de comedor e madrugadores prestaranse os días lectivos do curso escolar 2012-2013, dende o 12 de setembro ao 21 de xuño.

Escola Infantil de Salgueiriños
Seguindo con Educación, adxudicouse a xestión da Escola Infantil Meixonfrío-Salgueiriños do 10 de setembro ao 31 de decembro. Neste sentido, a concelleira lembrou que en paralelo xa se está a tramitar o concurso para a xestión da Escola para o que resta de curso. O prazo de matrícula nesta Escola está aberto ata o 14 de setembro.

Vertidos no Sar
Preguntada na rolda de resumo dos asuntos da Xunta de Goberno, a concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, aclarou que xa está solucionado o problema dos vertidos no río Sar. Explicou que o Concello actuou tan pronto tivo coñecemento do problema, procedendo os técnicos da concesionaria do servizo de augas a acoutar un tramo dun quilómetro do río dende o paso da Rocha ata detectar o vertido. Para acceder a esa parte do río foi necesario abrir un vieiro.

Finalmente, resultou que o problema se derivaba dun atasco na conexión que une o colector procedente do Milladoiro co colector xeral do Sar. Eliminado este atasco, indicou que será preciso facer un seguimento periódico desta conexión para que non se volva a repetir o problema. Para facilitar este control, quedou xa habilitado un vieiro para o acceso á zona.

Compartir: