TURISMO

Santiago de Compostela promociónase en Estados Unidos, Xapón e Rusia

06/09/2012 Turismo de Santiago desenvolverá en setembro tres accións de promoción en EEUU, Xapón e Rusia, seguindo a liña estratéxica dirixida a conseguir que o turismo internacional teña un maior peso na demanda turística da cidade.

Dende Turismo de Santiago considérase que estes tres mercados son moi interesantes por tres razóns: son mercados con gran volume de poboación, son mercados cun alto potencial de crecemento turístico na cidade e son mercados con gastos por persoa moi superiores á media internacional. O obxectivo é captar a un turista de alto nivel económico para poder aumentar a media de gasto por persoa na cidade.

Segundo os datos relativos a xullo de 2012 da Encuesta de Gasto Turístico (Egatur), elaborada polo Instituto de Estudios Turísticos, o gasto medio por turista internacional en España entre xaneiro e xullo foi de 950 euros. A enquisa amosa que os gastos medios das persoas procedentes de EEUU, Xapón e Rusia foron moi superiores a esta media e moi superiores tamén aos dos principais mercados da cidade.

EEUU
Turismo de Santiago estará presente na Primeira Semana de Galicia en Houston, que se celebrará entre o 17 e o 23 de setembro. O día 19 estará dedicado a Santiago de Compostela, con múltiples actividades sobre a cidade, como unha presentación á prensa, un encontro con touroperadores ou a proxección de The Way, a película de Emilio Estévez e Martin Sheen.

EEUU é dende hai anos un mercado importante para Santiago, especialmente tendo en conta o gasto medio por persoa, xa que un turista estadounidense ten un gasto medio en España que duplica e mesmo triplica os gastos medios dos países con máis pernoctacións. No ano 2011 houbo 26.000 pernoctacións de turistas estadounidenses en Santiago, sendo o quinto mercado internacional por volume de pernoctacións, segundo os datos do INE. EEUU superou ao Reino Unido e quedouse a menos de 2.000 pernoctacións de Francia.

Dende o 2003 Santiago sumou máis de 20.000 pernoctacións anuais de turistas dos Estados Unidos, salvo no ano 2004. O ano 2011 foi no que máis se produciron, 26.000, pero foron apenas 500 máis que no ano 2003. En base a estes datos, dende Turismo de Santiago considérase que hai potencial de crecemento neste mercado, apoiándose no éxito da película The Way e multiplicando as accións de promoción.

Xapón
Turismo de Santiago participará na Jata, principal feira turística do mercado asiático, que se celebrará en Tokyo entre o 21 e o 23 de setembro. Turismo de Santiago acude regularmente a esta feira dende o ano 2003, xa que se considera que é un dos principais foros de promoción da cidade no mercado nipón e noutros mercados asiáticos. Nesta ocasión, aproveitarase a presenza de Turismo de Santiago na feira para afondar na colaboración coa cidade de Tanabe, destino do Camiño de Kumano, en base ao protocolo de promoción conxunta entre o Concello de Santiago e o de Tanabe que se asinou no ano 2008.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participará nesta viaxe para manter reunións institucionais, tanto co embaixador de España en Xapón, como cos representantes políticos de Tanabe e Wakayama, rexión na que se ubica a cidade. A concelleira non participará nas viaxes a Rusia e EEUU, que son de carácter meramente técnico e ás que acudirán técnicos da empresa municipal.

O turista xaponés ten tamén un gasto por persoa en España que duplica e triplica o gasto dos principais mercados europeos. As estatísticas do INE amosan que no ano 2011 houbo en Santiago 5.473 pernoctacións de turistas xaponeses e que dende o 2007 se superan as 4.000. O obxectivo de Turismo de Santiago é aumentar o número de pernoctacións, afondando na promoción que se viña facendo regularmente no país.

Rusia
Turismo de Santiago participará nunhas xornadas organizadas por Turespaña que se celebrarán entre o 24 e o 28 de setembro nas dúas principais cidades do mercado ruso, Moscova e San Petesburgo. Nestas xornadas haberá presentacións de diferentes cidades españolas, entre elas Santiago, e reunións con touroperadores e axencias de viaxes.

Rusia ten sido nos últimos anos o mercado emisor con maior crecemento nas pernoctacións en España. Segundo os datos do INE, no 2011 houbo 978.635 rusos que visitaron España, un 54% máis que no 2010, cando foron 633.786, e un 228% máis que no 2005, cando foron 297.794. As previsións de entidades como Turespaña son que o turismo ruso continúe crecendo dun xeito importante nos vindeiros anos.

En base aos datos de crecemento do mercado ruso nos últimos anos, das previsións para os vindeiros e do gasto dos turistas rusos, que é considerablemente superior á media do turista internacional en España, Turismo de Santiago plantéxase coma un dos obxectivos conseguir que a cidade entre nos circuítos dos turistas rusos que visitan España xa que, contra a opinión xeneralizada, estes turistas non só demandan sol e praia senón que cada vez é maior o número dos que buscan cultura e gastronomía.

Unha boa mostra do crecemento do turismo ruso en España e do seu potencial para Santiago é o aumento de peregrinos rusos que se está vivindo nos últimos anos. As cifras absolutas non son aínda moi relevantes, pero o crecemento porcentual indica que hai un potencial moi forte neste mercado. Por exemplo, a 31 de agosto houbo xa un 44% de peregrinos rusos máis que no conxunto do ano pasado e un 278% máis que en todo o 2009, segundo os datos da Oficina de Acollida do Peregrino.

Accións realizadas
Durante o que vai de ano 2012, Turismo de Santiago ten desenvolvido un amplo programa de accións promocionais, centradas nos principais mercados emisores europeos a Santiago. Nos vindeiros meses continuará realizando accións nestes mercados e o plan de acción de promoción de 2013 seguirá focalizando os esforzos nos mercados de proximidade europeos.

Pero ademais incluiranse accións en mercados con potencial para a cidade, como é o caso das que se desenvolverán agora en setembro nos mercados estadounidense, xaponés e ruso, porque dende Turismo de Santiago considérase que a cidade ten atractivo suficiente para poder ser un destino universal cunha demanda internacional moi diversificada.

Respecto ao mercado alemán, o mercado internacional máis importante para a cidade en número de pernoctacións, as principais accións de Turismo de Santiago foron a presenza en marzo na ITB de Berlín, a principal feira turística do mercado alemán; no IMEX de Frankfurt en maio para a promoción da cidade como destino de congresos e viaxes de incentivos; a organización dunhas xornadas técnicas con axencias de viaxes en Berlín tamén en maio; e na Semana Española de Frankfurt en agosto.

En canto a Italia, segundo mercado con máis pernoctacións, as principais accións foron a presenza en febreiro na BIT de Milán, a principal feira do mercado italiano; a presentación en Parma do Programa Certo para a promoción conxunta do Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olav; a organización dun presstrip de xornalistas venecianos en maio en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela e Volotea co obxecto de promocionar a nova conexión aérea entre Santiago e Venecia; e a presenza en Pisa tamén en maio no Congreso Cattedrali europee. Conservazione programmata sobre procesos de rehabilitación nas catedrais europeas, onde a Catedral de Santiago ocupou un espazo singular.

Respecto ao Reino Unido, Turismo de Santiago participou en xuño na City Fair de Londres, un evento no que estaban presentes os touroperadores e axencias de viaxes máis importantes deste mercado. Ademais estará presente en novembro no World Travel Market, a maior feira turística para o mercado británico. Tamén colaborou en múltiples presstrips e famtrips de Alemaña, Italia, Reino Unido, Portugal e Francia.

O primeiro semestre de 2012 foi o semestre con maior número de pernoctacións internacionais na cidade dende que o INE rexistra estes datos. Houbo 179.153, un 17,19% máis que no primeiro semestre do 2011.

Documentos relacionados



Compartir: