CULTURA

Cave, Lisabö e Unicornibot en triCiclo, segunda proposta desta temporada do Compostela Rock

05/09/2012 O triCiclo é unha proposta musical de concertos de tres bandas, sempre de primeiro nivel en diferentes localizacións da xeografía galega. Unha escusa perfecta para, ademais, mostrar ao mundo o talento de artistas galegos noutras disciplinas, xa sexa traballando con artistas gráficos establecidos ou descoñecidos. Así, a primeira edición desta proposta presentárase dentro do Compostela Rock con Cave, Lisabö, Unicornibot e o deseñador Andrés Magán. Será o sábado 22 de setembro na Sala Capitol, coa apertura de portas ás 20:30 horas.

Cave é unha desas propostas arriscadas que, aparecendo de cando en vez dende algún lugar indeterminado do globo, acala as voces de que todo foi inventado na música xa. A súa explosiva mestura de krautrock, psicodelia, crebos rítmicos e moito volume deu moito que falar no underground internacional e chegan dispostos a demostralo. Sacando gravacións habitualmente en Drag City Records, están a piques de editar referencia de 7" en Giradiscos e estarán fresquiños para deleitarnos co seu fantástico directo.

Lisabö son, despois de selo nos corazóns dos seus fans durante anos e por fin, o grupo español do momento. Varias publicacións de primeiro nivel así o confirmaron e os eloxios non son en balde: post-hardcore abrasivo e intenso, emocional e certeiro, e un directo no que caben a ansiedade, a calma, a violencia e o amor. Un grupo chamado para a historia que deixará o seu selo en Capitol. Están a mover o seu Animalia Lotsatuen Putzua (BideHuts, 2011) por todo o territorio nacional e prometen un concerto inesquecible.

Unicornibot acompañarán a función representando á casa e a Galicia nun festín musical que se antolla épico. Despois de deixar o pavillón ben alto nos festivais (pasaron pola Primavera Sound, Milhões de Festa e Sinsal San Simón en pouco máis de dous meses) volven ao seu terreo natural, as salas, para seguir regando de suor salas de todo país e máis aló co seu segundo disco Dálle! (Matapadre, 2012). Virán a Compostela a rematar unha xira de vinte días, así que se espera axitación e algarabía.

Andrés Magán é o encargado de poñer a súa sinal artística a un evento no cal o artista de Vigo é a guinda. Andrés estudou Belas Artes en Pontevedra, vive en Londres e dedícase ao debuxo inspirado no mundo do cómic e o deseño relacionado coa música. Deseñou portadas e carteis para Telephones Rouges, SraSrSra, Triángulo de Amor Bizarro e unha infinidade de bandas máis, ademais de tocar a guitarra e cantar en Fantasmage.

Venda de entradas
As entradas, que teñen un prezo de 12 € máis gastos anticipadas e de 15 € o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00h), en A Reixa Tenda, en www.salacapitol.com, e en Ticketea.

Compartir: