TURISMO

Santiago e Trondheim (Noruega), unidas polas súas rutas de peregrinación

05/09/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, recibiu Rita Ottervik, alcaldesa de Trondheim, cidade de Noruega referencia do Camiño de San Olav. A rexedora da cidade nórdica encabeza unha delegación que está en Compostela para estudar as estratexias de promoción turística do Camiño de Santiago e para avanzar na creación dunha rede europea de rutas de peregrinación.

Trondheim e Santiago de Compostela veñen colaborando a propósito das estratexias de promoción conxunta dos camiños de peregrinación europeos. Así, Trondheim é cidade de referencia do Camiño de San Olav, como Santiago o é do Camiño que leva o seu nome.

As dúas cidades traballan en torno a programas como o "Per Viam", no que participan 19 entidades de Italia, Reino Unido, Luxemburgo, Francia, Noruega e España. Precisamente, no mes de xullo, a concelleira de Turismo viaxou a Trondheim para participar nunha sesión de traballo deste programa.

Un dos obxectivos do proxecto Per Viam, é sentar as bases para unha futura creación dun rede europea coas principais rutas de peregrinación europeas que contan coa certificación do Consello de Europa: Camiño de Santiago, Vía Francíxena, Camiño de San Michael, Ruta de San Olav e Camiño de Saint Martin de Tours.

Ademais, Turismo de Santiago participa no Proxecto Certo, a través do cal se pretende promocionar conxuntamente en Europa o Camiño de Santiago, a Ruta de San Olav e a Vía Francíxena.

Na recepción en Raxoi tamén participaron as concelleiras Rebeca Domínguez e Amelia González. No acto, a alcaldesa de Trondheim asinou no Libro de Honra da cidade.

Compartir: