FESTAS

O encontro "Compostela Canta" amosa o traballo de dez corais da cidade

05/09/2012 O sábado 8 e o domingo 9 de setembro, o Teatro Principal acolle o I Encontro de Corais Compostela Canta. Serán dúas sesións, ás 20:00 horas, nas que dez corais da cidade amosarán o mellor do seu repertorio ao público compostelán, nunha nova iniciativa que quere prolongar no tempo.

O Concello de Santiago colabora con este certame, organizado pola Comisión de Corais Compostela. En representación desta estiveron na rolda de prensa de presentación de Compostela Canta Dolores Alende, Vicente Sempere e Rubén Pego. Xunto eles estivo o concelleiro de Festas, Francisco Noya, quen os felicitou pola iniciativa e se comprometeu a seguir colaborando coa mesma en próximas edicións.

A sesión do sábado 8 terá como protagonistas as corais A Xuntanza, Santa Susana, Amigos de Compostela, A Ruliña de Laraño e Cantigas e Agarimos. O domingo 9, estarán sobre o escenario as corais La Salle, Asubío, Coto da Nai, Irmán Gómez e Castrosúa. Todas elas ofrecerán ao público un amplo e variado repertorio, con temas clásicos e modernos.

Tanto o concelleiro como a Comisión de Corais convidaron a composteláns e visitantes a gozar destas dúas sesións de música coral de calidade, nas que as formacións amosarán ao público o resultado do esforzo e da dedicación que estas corais teñen ao longo do ano. A Comisión acordou fixar un prezo de 2 euros para as entradas, destinado a sufragar os seus gastos.

Documentos relacionados



Compartir: