CULTURA

Ana Curra inaugura a nova temporada do Compostela Rock presentando "El acto"

14/09/2012 Ana Curra presenta en Santiago El acto o sábado 15 de setembro, a partir das 21:30 horas, na Sala Capitol. Dentro do ciclo Compostela Rock e na súa única data de presentación en Galicia, rescatará en directo o mítico disco que gravou con Parálisis Permanente, peza fundamental para entender a historia do rock español dos últimos 30 anos.

Houbo no noso país unha xeración que decidiu crear un mundo, atrevéronse a proclamar que naceran para dominar e tomaron ao pé da letra que se podía vivir doutra maneira, xogaron a ser heroes, sen renuncias nin concesións, chegando sempre ata o final. Imparables desde entón, a actividade dalgúns foi frenética, aínda que non sempre pública, e, dende locais de ensaio, conservatorios e diferentes laboratorios de ideas, non pararon de derramar talento en multitude de proxectos.

Un destes motores é Ana Curra, unha das mentes máis creativas do panorama musical do noso país e quizais a muller coa imaxe máis poderosa da movida madrileña. Voluntariamente apartada -pero non separada, nin moito menos esquecida- do mundo da música durante algúns anos, embarcouse dende hai meses na aventura de revisar o seu propio repertorio que, por fin, decidiu mostrar ao público con axuda de Cesar Scappa (guitarra), que estivera anteriormente en Escaparates, xunto a Eduardo Benavente; José Battaglio (guitarra) de formacións como Seres Vacios, La Frontera ou Vengadores; Manolo UVI (baixo), alma mater das primeiras formacións punk rock madrileñas como LA UVI ou Comando 9MM; e Rafa Le Doc (batería), colaborador habitual de Ana Curra.

Os cinco fixeron a súa primeira incursión nun escenario o 8 de maio do pasado ano con ocasión da festa homenaxe ao inesquecible Agapo e ningún dos presentes quedou indiferente ante a vitalidade e contundencia da súa actuación. O seguinte era irreversible: Pasar ao acto, atreverse a revisar o pasado, volver ao local de ensaio con amigos curtidos en mil batallas e poñer en marcha a presentación en directo de temas xa emblemáticos de Parálisis Permanente como "Tengo un pasajero", "Adictos a la lujuria", "Vamos a jugar", "Quiero ser tu perro", "Esto no es", "El acto", "Nacidos para dominar"…

EL ACTO (DRO - Tres Cipreses, 1982)

A gravación. Gravouse en dous días, en xullo de 1982. "Pagamos o disco entre os dous. Está case tocado en directo. Improvisabamos moito, metiamos uns xemidos, letras… Non tiñamos conciencia de estar a gravar un disco histórico".

A portada. Moito se especulou con quen era a muller de costas. "Era eu, pero tiña un contrato con Hispavox e non podía saír no disco editado por Tres Cipreses", lembra Ana. A foto fíxose no estudo de Pablo Pérez-Mínguez. "Pensámola Eduardo e eu. Queriamos un altar e que eu estivese de costas, cunha perruca branca platino. Nós levamos as velas. A roupa fíxenma eu mesma".

A reedición. Ana Curra e a súa nova banda regravaron catro cancións de El acto. Editarase nun dobre vinilo que se pode conseguir nos concertos. As cancións pódense escoitar en: http://soundcloud.com/anacurra

Compartir: