CULTURA

Case 130 guións participan no Compostela Plató

04/05/2006 Preto de 130 guións, enviados de todo o territorio nacional, concursan no Compostela Plató, a primeira das actividades que desenvolve o III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, CurtoCircuíto’06.

O xurado, formado por especialistas dos sectores audiovisual e literario, dará a coñecer o nome do gañador o vindeiro luns día 8 de maio. O autor do texto seleccionado terá 48 horas para aceptar o premio: a rodaxe dunha curtametraxe a partir do seu guión, con toda a axuda humana e técnica precisa e un importante orzamento.

Só un dos 130 guións que chegaron a Compostela para participar no Compostela Plató será rodado na cidade a primeira semana de xuño, comezando deste xeito os 5 meses continuados de actividades audiovisuais que promove CurtoCircuíto. A curtametraxe rodada a partir do guión gañador estrearase, a escala internacional, na Gala de Clausura de CurtoCircuíto, o 21 de outubro de 2006.

As historias que chegaron a Compostela para participar no Compostela Plató tiñan liberdade total en canto á temática; só tiñan como única condición que se desenvolvesen na cidade de Santiago de Compostela alomenos nun 80% (interiores ou exteriores).

A curtametraxe rodada a partir do guión gañador da pasada edición do Compostela Plató, Quérote mal, de Mireia Giró, ten acadado un importante recoñecemento en festivais por todo o territorio estatal e xa suma 18 galardóns, entre os que está o Premio Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe de Ficción de 2005.

O concurso de guións Compostela Plató é unha importante oportunidade para que os creadores de historias teñan a oportunidade de dirixir o seu traballo e velo materializado e introducido no mercado audiovisual internacional.

O III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, CurtoCircuíto’06, que se vai celebrar na capital galega do 17 ao 21 de outubro de 2006, conta, ademais, cun concurso de curtametraxes e un concurso de micromovies, de ámbito internacional, cuxo prazo de inscrición ficará aberto ata o 30 de xuño. Ata o momento téñense recibido curtas de Corea do Sur, Australia, México, Palestina, EE.UU., Suíza, o Reino Unido ou Francia, ademais de España.

As actividades do CurtoCircuíto’06 acaban de comezar e prolongaranse todo o verán coas proxeccións nas rúas do casco antigo de Compostela (CurtoCircuíto na Rúa) e o I Mercado Internacional de Curtametraxes, que se celebrará na cidade, parello ao festival, así como varios obradoiros, destinados ao público interesado na formación audiovisual.

O Festival Internacional de Curtametraxes CurtoCircuíto´06 é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, xestionada por Ficción Producciones, apoiada polo Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Compartir: