EMPREGO

Trinta persoas fórmanse en Aríns na busca de máis oportunidades de inserción laboral

24/08/2012 A concelleira de Emprego, Paula Prado, visitou o Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns para coñecer de preto a marcha dos cursos de formación en Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas e Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica.

Tal e como indicou a concelleira, estes cursos de formación supoñen unha aposta porque todos os seus participantes "teñan máis oportunidades para acceder a un futuro laboral, cada vez máis complexo, polo que non se pode deixar de impartir estas accións formativas para todas estas persoas e seguir cualificando". Ademais, salientou as vantaxes da formación continua, xa que, segundo sinalou, "supón atoparse nun posto de saída no momento no que xurda unha oportunidade de traballo e poder acceder a el en condicións óptimas".

Nestes cursos dous cursos participan finalmente 30 persoas (15 por cada curso). A boa acollida desta acción quedou patente dende o primeiro intre, xa que se recibiron 50 candidaturas para cada curso, realizándose logo a selección en base a unha proba práctica e a unha entrevista. Os alumnos destes cursos serán logo colectivos preferentes á hora de acceder a futuras contratacións laborais.

Estas accións formativas, máis o terceiro curso impartido no CERSIA de Xestión contable e xestión administrativa para auditoría, están subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, investíndose nelas máis de 250.000 euros. Inclúen contidos teóricos e prácticos, e 160 horas (un mes) de prácticas profesionais en empresas. Así, 15 firmas colaboran con estas iniciativas.

Do curso de Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, a súa cualificación é de Nivel 2, isto é, dirixido a persoas que teñan cando menos o Ensino Secundario Obrigatorio (ESO). O seu obxectivo principal é de "reorientación profesional" para traballadores procedentes do sector da construción.

Tamén ten un fin de busca de novas posibilidades profesionais o curso de Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica. Neste caso, trátase de orientar a estes traballadores á realización de obras menores. Para este curso, de Nivel 1, unicamente se esixía o Certificado de Estudios. Ademais, os 15 participantes están suxeitos a un Itinerario Persoal de Inserción (IPI), de xeito que perciben 400 euros ao mes.

Documentos relacionados



Compartir: