XUNTA DE GOBERNO

Case 600.000 euros para obras de reforzo do firme no rural compostelán

23/08/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou os sete proxectos de reforzo do firme da vía pública incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña. Estas actuacións suman un investimento de 588.517 euros.

A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, destacou a aposta polo rural compostelán ao destinar os sete proxectos do POS a obras neste ámbito. As actuacións, financiadas pola Deputación da Coruña e que contratará o propio Concello, serán as seguintes: Eixo de Arriba – Pereiro, 45.123 euros; Corexo (Marrozos), 133.870 euros; Barciela e Polbeira, 73.589 euros; Lavacolla - Sabugueira, 65.013 euros; Vilar de Outeiro – Verdía, 56.658 euros; Garabal, Barral e Pereiro (San Miguel dos Agros), 114.521 euros; e Aríns, 99.743 euros.

Colectores para roupa e calzado
Nesta mesma sesión adxudicouse a autorización de uso do dominio publico para a colocación de colectores de recollida de roupa e calzado usados e outros residuos téxtiles no municipio de Santiago de Compostela. A empresa adxudicataria aboará ao Concello un canon de 5.000 euros.

Paula Prado explicou que inicialmente se instalarán 29 colectores deste tipo nos diferentes barrios da cidade, se ben esta dotación se podería ampliar a 60 de ser necesario. Santiago é a segunda cidade galega onde a adxudicataria instala este tipo de colectores, tamén presentes en Lalín. Ademais, traballa en cidades como Valencia, Madrid e Sevilla.

Contratación
Outro dos asuntos aprobados foi a delegación da competencia de inicio os expedientes de contratación, ata agora na Xunta de Goberno, na concelleira de Facenda, Orzamentos e Contratación. Esta medida permitirá axilizar o procedemento de contratación.

Licenzas para hoteis
Finalmente, a edil destacou a concesión de tres licenzas para a rehabilitación e apertura de tres establecementos hoteleiros. Trátase de dous hoteis de tres estrelas en Casas Reais e rúa do Vilar, e doutro de dúas estrelas na rúa Doutor Teixeiro.

Compartir: