PROCESIÓN

O Concello dá a benvida á cidade a un grupo de case 300 peregrinos hindús

23/08/2012 As concelleiras Amelia González e Paula Prado participaron na cerimonia de apertura da procesión hindú que trouxo ás rúas de Santiago a unha comitiva de preto de 300 persoas pertencentes a esta etnia. No acto estiveron presentes tres grandes autoridades espirituais na India e outros países do mundo, como son as súas santidades Radhanath Swami, Bhakti Charu Swami e Sacinandana Swami.

A cerimonia culminou coa chegada da comitiva á praza do Obradoiro dende a avenida de Xoan XXIII, onde as autoridades hindús fixeron entrega a Paula Prado e Amelia González dunhas guirnaldas florais tradicionais da India como ofrenda de respeto e gratitude por poder levar a cabo este acto, así como tamén dunhas publicacións explicativas da historia e cultura da relixión hindú.

Pola súa banda, o Concello de Santiago trasladou ás autoridades presentes neste acto cultural o "honor e privilexio" que supón poder dar a benvida na cidade a algúns dos principais líderes da relixión hindú e a todo o conxunto da comitiva, nun lugar tan simbólico como é a praza do Obradoiro, que cada día recibe a miles de personas procedentes de diferentes culturas e lugares.

Os case 300 participantes deste acto cultural son de etnia hindú, e atópanse inmersos nunha viaxe polo continente europeo na que inclúen paradas naqueles lugares máis representativos dende un punto de vista cultural e espiritual.

Este acto supón a primeira procesión de gran magnitude que tivo lugar en Santiago de Compostela por parte dun grupo de peregrinos desta etnia, e puxo de manifesto o espiritu internacional e de unidade deste encontro intercultural.

Compartir: