EDUCACIÓN E MOCIDADE

Dous concertos da Real Filharmonía de Galicia poñen o broche final ao ciclo de Concertos Didácticos

03/05/2006 O ciclo Concertos Didácticos que o Auditorio de Galicia ofrece aos escolares en colaboración cos centros educativos, finaliza con dous concertos da orquestra Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave, interpretando a Historia de Babar de F. Poulenc, con Blanca Cendán como narradora. Os concertos terán lugar os vindeiros xoves, 4 e venres, 5 en sesión dobre, ás 10:00 e ás 12:00 h. Ás sesións deste espectáculo asistirán catro mil escolares, procedentes de centros de Santiago de Compostela, Brión, Teo, Porriño, Porto do Son, Ordes, Marín, Cangas do Morrazo, Mazaricos, Vilagarcía de Arousa, Xinzo de Lima, Celanova, Moaña, San Cibrao, Redondela, Ourense, Silleda, Bueu e Bergondo.

A orquestra Real Filharmonía de Galicia presentouse ao público baixo a dirección do mestre Helmuth Rilling o 29 de febreiro de 1996. Desde o un de xaneiro de 2001, a dirección titular corresponde ao mestre Antoni Ros Marbà, contando con Maximino Zumalave como principal director invitado. Unha das citas ineludíbeis en cada temporada é a súa participación nos concertos didácticos para escolares que se ofrecen aos centros de ensino de toda Galicia.

Blanca María Brage Cendán, a narradora deste concerto, comezou a súa formación artística en 1987. Traballou en varias producións coas compañías Chévere e Artello. Gravou diferentes filmes e curtametraxes para o cine e programas de televisión e tén interpretado varios personaxes en concertos didácticos coa Real Filharmonía de Galicia.

Maximino Zumalave, director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum. Principal director invitado da Orquesta Sinfónica de Galicia (1992-1995) e fundador da RFG, formación á que segue vinculado como principal director invitado. Director Asociado da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia e Profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela.

Compartir: