TRÁFICO

En marcha unha campaña de control da velocidade en travesías e vías periurbanas

22/08/2012 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, deu conta da realización, entre o 20 e o 26 de agosto, dunha campaña de control de velocidade nas travesías e vías periurbanas da cidade. Estes controis son realizados pola Dirección Xeral de Tráfico no marco dunha campaña habitual por estas datas, contando coa colaboración da Policía Local.

Albino Vázquez apuntou o interese e utilidade destas campañas. "O exceso de velocidade segue sendo un dos principais problemas para a ordenación do tráfico da cidade e, aínda que se trata dunha porcentaxe pequena de condutores, estes poñen en perigo ao resto de cidadáns, especialmente no caso das confluencias de tráfico e peóns", indicou.

A propósito destes controis, lembrou os datos da campaña realizada en 2011 por estas datas, entre o 14 e o 20 de agosto, nas que se fixeron 4.186 controis de velocidade. O resultado foi de 45 vehículos denunciados. Esta porcentaxe de infractores é aínda menor que o rexistrado no total do Estado, que foi do 2,83%. O edil constatou a redución de infraccións que se vén producindo nos últimos años como consecuencia de campañas e dunha maior concienciación, pero insistiu na necesidade de atallar este problema, causa de boa parte da sinistralidade producida nas estradas.

Tamén nesta materia, Albino Vázquez anunciou que no mes de setembro está prevista a adquisición dun novo radar fixo, que se situará no túnel do Hórreo ou noutro punto da cidade aínda por decidir. Neste sentido, salientou a conveniencia de colocalo nun punto onde a confluencia de tráfico e peóns faga máis necesario este control permanente.

Compartir: