BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago intensifica a colaboración coa Cruz Vermella

21/08/2012 A concelleira delegada de Benestar Social, Paula Prado, mantivo este martes unha xuntanza co coordinador comarcal da Asemblea da Cruz Vermella, Cibrán Vázquez, co obxecto de abordar a sinatura do convenio anual de colaboración con esta entidade social. Incorpórase como principal novidade a prestación do servizo de teleasistencia no fogar, dirixido a todos aqueles maiores da cidade que vivan sós, como medio de prevención de riscos, e que se complementará coa implantación de 20 sistemas periféricos de detección de gas, fume, movemento e caídas. O orzamento previsto para este convenio de colaboración duplica a cantidade presupostada no anterior exercicio, pasando de 11.000 a 22.000 euros.

A reunión, celebrada no marco das reunións de traballo levadas a cabo de xeito habitual coas entidades sociais, estivo centrada nas actividades de coordinación e colaboración entre o Concello e a Cruz Vermella como entidade prestadora de acción social. Deste xeito, abordouse a sinatura do convenio anual de colaboración con esta entidade social, que neste exercicio verá duplicado o seu orzamento, pasando dos 11.000 euros ós 22.000 euros actuais.

Neste sentido, o anterior convenio asinábase coa fin de levar adiante o proxecto de lecer e tempo libre con maiores, e contemplaba actividades como son os talleres de memoria, manualidades, ximnasia, expresión corporal ou de cociña da avoa, así como tamén o programa de acompañamento a persoas maiores a xestións domésticas -como poden ser acudir a citas médicas-. Este ano, ademais, incorpórase como principal novidade o programa de teleasistencia municipal.

Tal e como indicou Paula Prado, esta novidade é froito dunha demanda moi importante na cidade posto que, ata o momento, hai case 50 persoas en lista de espera para ser atendidas con este novo servizo, que nace da firme aposta do Concello pola prestación de servizos de xeito inmediato, e que por medio da colaboración con Cruz Vermella, este convenio enche o baleiro que existía.

Ademais da teleasistencia propiamente dita, o novo convenio de colaboración ten previsto outra acción especialmente dirixida a mellorar o benestar e a autonomía dos maiores da cidade que vivan sós, como é a implantación de 20 sistemas periféricos de detención de gas, fume, movemento e caídas. Así, incídese especialmente no eido da prevención de riscos no fogar, xa non só por medio da teleasistencia, senón tamén por medio da detención destes riscos que poden ser evitados e resoltos cunha actuación rápida e sinxela, evitando catástrofes.

Nesta xuntanza de traballo tamén se tocaron outras cuestións dirixidas a mellorar a calidade de vida dos composteláns e compostelás. Así, abordáronse cuestións de coordinación entre o Departamento de Benestar Social e a Cruz Vermella en iniciativas como son a campaña prevista para o vindeiro mes de setembro de entrega de material escolar a todas aquelas familias que poidan estar pasando por dificultades económicas.

Tal e como sinalou a concelleira, o obxectivo que se persegue é a de velar polo benestar de todos e cada un dos cidadáns de Santiago, unha cuestión especialmente importante no contexto socioeconómico actual, xa que como salientou Paula Prado "hai moitas persoas que necesitan asistencia, polo que estes programas son imprescindibles".

Neste sentido, este conxunto de actuacións preséntanse como unha oportunidade para chegar de xeito máis óptimo a todos aqueles colectivos que poidan estar en situación de vulnerabilidade social, por medio de programas como Agora máis que nunca, que presta atención a todas aquelas persoas que poidan estar vivindo nesta situación; ou a campaña de familias acolledoras para nenos e nenas que se atopen en proceso de acollida.

Por último, tamén se falou da coordinación entre o Concello de Santiago e a Cruz Vermella na área de emprego. Xa que logo, o Concello, a través da xestión da oferta de emprego no centro comercial de As Cancelas, trasladou á Cruz Vermella a posibilidade de que esta entidade poida facilitar ó acceso á rede ós usuarios para que estes se poidan informar na web dos procesos de selección para a mesma.

Compartir: