PARQUES E XARDÍNS

O Concello realizará un estudio para avaliar o estado do arborado da praza de León

17/08/2012 A concelleira de Parques e Xardíns, María Castelao, achegouse ao barrio de Pontepedriña para comprobar in situ o estado do parque e do seu arborado, logo de que o pasado mércores o temporal que afectou á cidade provocase a caída dunha árbore cara a vía pública, sen que houbese que lamentar danos físicos ou materiais. O estudo, que será feito nun prazo de 10 días, permitirá coñecer polo miúdo o estado do arborado circundante á praza de León, e eliminar calquera risco que puidese existir para a seguridade dos veciños.

O estudio determinará a viabilidade das árbores, manténdose aquelas que se atopen en boas condicións e, no caso de que así fose, procedéndose á retirada daquelas outras que poidan supoñer un risco para a seguridade dos veciños. Así o sinalou a concelleira delegada de Parques e Xardíns, María Castelao, que este venres se achegou á zona para comprobar o estado do parque e do seu arborado.

María Castelao salientou que, deste xeito, o Concello de Santiago toma todas as medidas posibles para evitar que volva ocorrer un suceso deste tipo, garantindo a seguridade dos composteláns e compostelás residentes na zona.

Documentos relacionados



Compartir: