REHABILITACIÓN E CASCO HISTÓRICO

Unha charla de César Portela abriu a segunda edición da Aula de renovación urbana e rehabilitación

06/05/2006 A Oficina da Cidade Histórica e rehabilitación do Concello de Santiago (OciHR) puxo en marcha por segundo ano consecutivo a Aula de renovación urbana e rehabilitación, que naceu co obxectivo de formar en técnicas de conservación dos centros históricos.

A segunda edición do curso Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación comezou o pasado venres, coa inauguración oficial do curso. De seguido interviu o arquitecto César Portela. Os seminarios e charlas que conforman o programa estenderanse ata o 22 de decembro deste ano.

A aula, dirixida a arquitectos, aparelladores, historiadores da arte, xeógrafos, economistas, avogados, arqueólogos, sociólogos e outros profesionais relacionados coa renovación urbana e a rehabilitación, conxuga a formación práctica e teórica co intercambio de experiencias entre as rexións participantes. Durante o curso analizaranse presupostos prácticos e proxectos de rehabilitación urbana concretos, que responden a problemas actuais dos centros históricos de Galicia. O desenvolvemento destes proxectos compleméntanse con seminarios e charlas que tocan as distintas disciplinas necesarias nos procesos de renovación urbana.

A selección do alumnado fíxose en base ao seu currículo e interese declarado, un proxecto, unha entrevista e a orde de rexistro da solicitude. A aula, que conta coa colaboración do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión de Asesoramento Tecnolóxico do COAG, a facultade de Xeografía e Historia da USC, e a FEGAMP, está enmarcada no Programa de Asistencia e Xestión Urbana Sostíbel (PAGUS), que financia a matrícula, dentro da iniciativa comunitaria Interreg-III C Sur, e conta coa participación de Santiago de Compostela-Galicia e Andalucía (España), Umbría (Italia), Miño (Norte de Portugal), Tracia-Macedonia (Grecia) e Malta.

Os recoñecementos académicos a outorgar pola Universidade de Santiago de Compostela son o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación ou Especialista en Renovación Urbana e Rehabilitación, ou ben os posgraos en Xestión e Políticas Urbanas; Cidade e Sostibilidade; Espazo Urbano e Urbanismo ou Construción e aplicación de técnicas e normativas en rehabilitación.

Direcciones relacionadas



Compartir: