XUNTA DE GOBERNO

O remodelado parque de Ramírez estará listo para a primavera de 2013

10/08/2012 A Xunta de Goberno, nunha sesión extraordinaria, aprobou a apertura do procedemento de contratación do proxecto de subministro do parque de Ramírez, no que o Concello vai investir 411.000 euros. Está previsto que esta actuación estea rematada en febreiro de 2013.

A concelleira María Castelao explicou que se trata dun contrato de subministro, posto que o equipamento ten un maior custo que a obra civil en si. O prazo de execución é de catro meses.

Cómpre lembrar, respecto á obra civil, que se retirarán os montículos que, na actualidade, causan problemas de visibilidade para os pais e entre as zonas de xogo, unificando estas zonas.

Entre as novas instalacións previstas destaca a creación dun circuíto biosaudable e tamén dunha pista multideportiva. Tanto a parte de abaixo desta pista como o propio parque estarán pechados pola noite. Construirase un borde de formigón cun peche metálico e o proxecto inclúe tamén a colocación de novos pavimentos. O parque estará adaptado a persoas con dificultades de mobilidade.

No eido da xardinería, para acometer a obra, trasladaranse as especies vexetais do parque, fundamentalmente liquidámbares, ao viveiro municipal. Recuperaranse e recolocaranse ao rematar a intervención. No novo espazo, a xardinería adaptarase á nova estrutura, facilitando a visibilidade e seguindo un modelo semellante en canto a especies ao da costa da Camelia.

Comercio
Na mesma sesión extraordinaria aprobáronse as bases das axudas para a dinamización comercial, destinadas ás asociacións comerciais da cidade. Estas bases, por un total de 44.800 euros, xa foran presentadas ás entidades para avaliar as súas suxestións. Neste sentido, un dos avances producidos -apuntou a edil- é que existirá un maior equilibrio entre a subvención e o orzamento que deberán achegar as asociacións aos proxectos de dinamización presentados.

Obras
Xa en relación á última Xunta de Goberno ordinaria, celebrada na xornada do xoves, a concelleira deu conta da aprobación dun pequeno modificado, sen custo para o Concello, no proxecto de reforma da cuberta do Parque de Bombeiros. Trátase fundamentalmente da substitución das uralitas, que conteñen amianto, por outro material. As obras comezarán nunha ou dúas semanas, cun prazo de execución de 15 días.

Deportes
Tamén se aprobaron as bases das axudas para o fomento do deporte federado, por un total de 198.000 euros. Resaltou a edil que, malia as reducións orzamentarias, só se reduciu en 9.000 euros a partida respecto á campaña precedente.

Centros Socioculturais
En materia de Centros Socioculturais, solicitouse unha subvención para o equipamento do CSC de Santa Marta: 18.800 euros para equipamento audiovisual e 1.812 para o sistema de seguridade. A subvención suporía o 75% do investimento necesario para este subministro.

Medio Rural
En relación co expediente de contratación das obras de desbroce e eliminación de vexetación, María Castelao explicou que se rexeitaron as ofertas presentadas, ao considerar os técnicos que non estaba garantida a libre concorrencia ni que o Concello obtivese a mellor proposta económica. O expediente púxose en coñecemento do secretario municipal para que esclareza as súas circunstancias.

Compartir: