ECONOMÍA

Un novo curso toma o Camiño de Santiago como exemplo para a planificación dunha estratexia corporativa

10/08/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou o Curso de Planificación Estratéxica: Perseguindo unha meta. Da estratexia medieval ao éxito empresarial, que ten por obxectivo preparar aos asistentes en planificación estratéxica empresarial, axudándolles a porse obxectivos e metas así como a acadalos de xeito estruturado. O curso desenvólvese dentro do programa Santiago Investors Support, que ten por obxectivo contribuír á dinamización económica da cidade. A concelleira e alcaldesa en funcións estivo acompañada da técnica responsable do Servizo de Economía do Concello, Carme Casado, e do docente do curso Modesto Gómez, da empresa Elocuenzia.

As temáticas que se tratarán no curso son: Análise da situación corporativa externa e interna, DAFO da situación, Matriz de situación corporativa, matriz de posición competitiva, Mercados estratéxicos, Grupos estratéxicos, Secuencias de crecemento, Estratexias funcionais, Decisións operativas, Plans de Acción, Priorización das actuacións e Conta de explotación previsional. Cun carácter moi práctico, as persoas participantes aprenderán a organizar o seu camiño empresarial do mesmo xeito que os peregrinos afrontan as distintas etapas do Camiño de Santiago, un camiño cunha clara misión e unha visión definida, ao tempo que se reflexiona acerca do que se ten acadado ata o momento.

Reyes Leis salientou a "boa acollida" que este tipo de propostas formativas teñen dentro da cidadanía de Santiago, e de xeito especial para todos os emprendedores, polo que para o Concello resulta "moi gratificante". Pola súa banda, Carme Casado sinalou que estas actividades "consolidan" o CERSIA como "punto de encontro" entre todos aqueles que queiran levar a cabo algún tipo de actividade económica na cidade.

Igualmente, o docente do curso, Modesto Gómez, fixo referencia a que esta iniciativa está a ter "unha moi boa resposta", e incidiu en que os contidos académicos do programa, "serán expostos de xeito moi claro e sinxelo, malia que nun primeiro intre poidan parecer complexos".

O curso diríxese a persoas emprendedoras, traballadores en activo do tecido empresarial e estudantes universitarios ou formación profesional de Santiago. Ofrécense 45 prazas, que se distribuirán en tres grupos. O curso é gratuíto e a inscrición, aberta ata o 28 de agosto, pode facerse a través da web da Concellería, www.maiscompostela.org, onde poden consultarse as bases completas dos cursos, programas e horarios. O curso celebrarase no CERSIA, edificio municipal para a dinamización económica da cidade. Para máis información, o número de teléfono é o 981 542 493.

Documentos relacionados



Compartir: