EDUCACIÓN

A rotación dos menús ou a promoción de hábitos saudables serán criterios valorables na adxudicación dos comedores escolares

09/08/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, informou en rolda de prensa das obras de reparación e mantemento que se están a realizar nos centros de primaria e escolas infantís, así como do procedemento para a contratación do servizo de comedor escolar. Ademais, recordou que están expostas as listas de admitidos na Escola Infantil de Salgueiriños.

Todos os centros de primaria e infantil do municipio solicitaron intervencións, segundo indicou a concelleira. Así, durante este mes de agosto, para non interferir no funcionamento dos centros, estanse realizando obras de limpeza, pintado, substitución de pezas sanitarias, acondicionamento de zonas verdes e áreas de xogo, fontanería, revisión eléctrica, etc.

A maior parte destas obras son executadas pola Brigada de Vías e Obras do Concello. Unha pequena parte, presupostada en 22.000 euros pola propia Brigada, será contratada con algunha empresa externa. A estas intervencións hai que sumara aquelas que, por importe de 140.000 euros, realiza a Consellería de Educación en varios centros de primaria e secundaria do municipio.

Servizo de comedor
Por outra parte, Rebeca Domínguez indicou que foron nove as empresas que se presentaron ao concurso para a prestación do servizo de comedor en nove centros escolares, cuxa xestión corresponde ao Concello. Lembrou que na elección da adxudicataria primarán aspectos como a rotación dos menús –incluídos os menús especiais- ou a promoción de hábitos saudables entre os escolares.

Unha vez reunidas as sucesivas mesas de contratación e adxudicado o servizo pola Xunta de Goberno, abrirase o prazo de matrícula para as familias. Cómpre lembrar que no prego se determinou, cunha estimación á alta, o orzamento para 556 xantares e 175 almorzos. Os xantares ofreceranse a un prezo máximo de 5,06 euros e os almorzos, que inclúen o servizo de madrugadores, a 2,04 euros.

Escola Infantil de Salgueiriños
Finalmente, a edil lembrou que as listas de admitidos e de agarda da Escola Infantil de Salgueiriños están expostas no taboleiro xeral do Concello, no Departamento de Educación e nas Escolas Municipais.. Ata o 14 de agosto estará aberto o período de reclamacións. Neste sentindo, apuntou que calquera familia que o desexe pode consultar o seu expediente na propia Concellería.

De xeito paralelo, continúa o procedemento para a adxudicación da xestión da Escola entre setembro e decembro, á espera de ter listo o concurso definitivo. A propósito deste centro, recordou a solicitude realizada á Consellería de Traballo para a reconversión dunha aula de 2-3 anos (con prazas vacantes) nunha de 1-2 anos para así atender a alta demanda neste rango de idade. Neste sentido, indicou que se presentaran 42 solicitudes para as aulas de 0-1 anos, 67 para as de 1-2 anos e 23 para as de 2-3 anos.

Compartir: