PARQUES E XARDÍNS

As concesións das hortas urbanas de Fontiñas sairán a concurso en setembro

08/08/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, vén de sinalar que as hortas urbanas situadas no polígono 4 de Fontiñas sairán a concurso no mes de setembro. Deste xeito, cada unha das parcelas, que terá unha extensión media de 40 metros cadrados, poderá comezar a ser usada para os tipos de cultivo propios da tempada de outono.

Tal e como explicou a edil na súa visita ás hortas, a razón de que se inicien os trámites de concurso e adxudicación destas 37 hortas no mes de setembro é que todos os cidadáns que poidan estar interesados en participar neste proceso estean de volta en Santiago. María Castelao salientou que o obxectivo desta iniciativa é "restituír antigas formas de cultivo", priorizándose aqueles de tipo orgánico. Ademais, salientou a boa acollida que esta iniciativa está a ter entre os composteláns e compostelás, en especial entre os mozos, "moi interesados neste tipo de cultivos".

As concesións de uso destas hortas outorgaranse segundo a ordenanza existente, coas preferencias para xubilados e veciños do entorno. Os 1.500 metros útiles están a ser acondicionados para estas hortas urbanas sen ningún custo para o Concello, xa que este labor corre a cargo da urbanización do devandito polígono residencial.

María Castelao sinalou que esta é unha cuestión "moi demandada polos cidadáns de Santiago", que se verá ampliada co anteproxecto de hortas no barrio da Pontepedriña. Serán unhas 150 hortas na súa primeira fase, que se poderán ampliar ata a 200 en fases sucesivas, situadas entre a avenida do Paxonal e o vieiro de Clara Campoamor nunha parcela de 15.000 metros cadrados.

Documentos relacionados



Compartir: