ALCALDÍA

Santiago de Compostela e A Coruña, unidas pola rede de aulas CeMIT

03/08/2012 A alcaldesa en funcións, Reyes Leis, participou a través de videoconferencia na apertura do Centro para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) da Coruña. Santiago conta cunha destas aulas no edificio CERSIA.

Reyes Leis, que estivo acompañada no CERSIA polo concelleiro Francisco Noya, exerceu de representante dos demais municipios galegos integrados na rede CeMIT para dar a benvida á mesma ao concello coruñés, representado no acto de apertura polo seu alcalde, Carlos Negreira. O acto estivo presidido polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda.

Na súa intervención, a rexedora en funcións, indicou que "é unha oportunidade que a cidade da Coruña se incorpore a unha rede da que sen dúbida se verán beneficiados todos os seus veciños. Así sucede cos veciños de Santiago e doutros 92 concellos en 53 comarcas". Recordou a experiencia "gratificante" da aula situada no CERSIA, cuxas convocatorias "esgotan as prazas rapidamente". "Dende aquí calquera veciño pode superar a fenda dixital, aumentando notablemente as súas habilidades tecnolóxicas en calquera dos moitos programas de alfabetización que se desenvolven nas aulas", explicou.

A Rede CeMIT, con 98 aulas, conta cun Plan de Formación que nos primeiros seis meses de 2012 xa leva impartidas máis de 20.000 horas de formación. O número de usuarios rexistrados supera os 14.600, máis do dobre que en todo o 2011 e está a superar a previsión de acadar os 15.000 usuarios a finais de ano.

O Plan presta especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, pero ofrece tamén formación especializada aos profesionais TIC e información específica para pemes e micropemes sobre as vantaxes que as TIC teñen para mellorar a xestión e os seus procesos produtivos.

Compartir: