XUNTA DE GOBERNO

Investimento de máis de 1,5 millóns de euros para mellorar a mobilidade en Vista Alegre

03/08/2012 A alcaldesa en funcións, Reyes Leis, deu conta da sinatura das dúas primeiras actas en virtude das cales as comunidades de propietarios do barrio de Vista Alegre ceden ao Concello o espazo onde se sitúan as terrazas, co fin de acondicionalo e facelo máis accesible. Deste xeito, poderá acometerse o proxecto de mellora da mobilidade en dúas zonas deste barrio. A intervención, que contará cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros, está incluída na iniciativa Urbana Santiago Norte.

Este proxecto contempla un conxunto de actuacións, todas elas complementarias ao programa Área Rehabilitación Integral (ARI) que se está a desenvolver na zona. As actuacións a levar a cabo consisten na supresión de barreiras arquitectónicas; reordenación do tráfico; apertura de rúas peonís; canalización de novos servizos (fibra óptica e gas) e a de outros xa existentes (electricidade), que na actualidade son exteriores; reordenación de zonas de estacionamento e soterramento de colectores.

Intervirase en dous ámbitos do polígono de vivendas sociais de Vista Alegre, considerados como os máis degradados do polígono e con maiores deficiencias urbanísticas. Neles reordenarase o espazo público, incluíndo a eliminación das terrazas privadas, que pasarán a ser espazo público. A actuación inclúe a renovación de pavimentos e a incorporación de mobiliario urbano.

A previsión é que o as obras poidan adxudicarse na primavera de 2013 e executarse entre ese ano e o 2014. O investimento total previsto alcanza os 1.593.725 euros, dos que 104.500 se destinarán á redacción do proxecto e o resto á demolición das terrazas e á reurbanización (1.020.600 para a zona 1 e 468.625 para a zona 2).

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Escola Infantil de Salgueiriños
Reyes Leis aproveitou a rolda de prensa para dar conta tamén dos asuntos tratados na última Xunta de Goberno, como a aprobación das listas provisionais de admitidos e listas de agarda da escola infantil municipal de Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2012-2013. Estarán expostas no taboleiro xeral do Concello, no Departamento de Educación e nas Escolas Municipais. Así mesmo, acordouse solicitar á Consellería de Traballo a reconversión dunha aula de 2-3 anos (con prazas vacantes) nunha de 1-2 anos para así atender a alta demanda neste rango de idade.

Xa nunha xunta extraordinaria, tamén se iniciou o procedemento de contratación da xestión desta Escola entre setembro e decembro. A alcaldesa en funcións explicou que se fai así ante a imposibilidade de realizar o concurso definitivo antes do comezo do curso. A estes meses de xestión destínanse 94.059 euros.

Centro de Biomedicina Experimental
Na devandita sesión extraordinaria tamén se concedeu a licenza inicial de cota 0 (ata a rasante) para a construción do Centro de Biomedicina Experimental. O orzamento para estas instalacións, financiadas con fondos comunitarios, superará os sete millóns de euros, xerando para o Concello, en concepto de taxas, 210.000 euros.

O CEBEGA estará situado na avenida de Barcelona, a carón do edificio do Centro de Investigación Médica Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), cunha superficie de 2.984 metros cadrados. O edificio terá dúas plantas: unha para aloxamento de animais e salas de manipulación e outra con instalacións, zona administrativa e laboratorios de apoio.

Tamén en materia de Urbanismo, pero na sesión ordinaria, aprobouse inicialmente o proxecto de reparcelación do parque empresarial da Sionlla.

Benestar Social
En materia de Benestar Social, deuse conta da concesión de tres subvencións da Consellería de Traballo e Benestar para a execución de diversas accións formativas para persoas traballadoras desempregadas. O total da subvención é de 243.859 euros, distribuídos nas seguintes accións: 92.913 para Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas; 74.563 para Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica; e 76.383 euros para Xestión contable e xestión administrativa para auditoría.

Tamén no ámbito desta Concellería, aprobouse a contratación do programa municipal Reforzo educativo e educación de adultos para persoas con necesidades educativas no ano 2012, dentro do Programa Municipal de Intervención Sociocomunitaria. Destínase ao mesmo 11.272 euros, que permitirán contratar un mestre diplomado en Maxisterio na especialidade de Educación Primaria.

Documentos relacionados



Compartir: