CULTURA

O Festival Internacional de Percusión leva a música ás rúas e prazas do Casco Histórico

02/08/2012 Música nas rúas de Compostela durante esta primeira fin de semana do mes de agosto, a cargo do Festival Internacional de Percusión (FIP), nado a partir da VI edición do Curso Internacional de Percusión Merza 2011 realizado en Galicia e organizado polo Nuevo Contemporáneo de Zaragoza baixo a dirección de César Peris (director da cátedra de percusión no Conservatorio Superior de Música de Aragón) e polos galegos Odaiko Percussion Group.

O FIP caracterízase pola versatilidade dos grupos e percusionistas participantes, nacionais e internacionais, que presentan espectáculos e producións propias anovadoras e arriscadas, cun único fin, sorprender ao espectador. Concertos, obradoiros, artistas noveis, outras músicas, encontros de percusión amateurs, etc, todo un cartel de actividades para que os espectadores participen activamente. Deste xeito poderase gozar das propostas musicais de L.A.R Legido & Nuevo Contemporaneo, formación centrada na exploración das posibilidades que ofrece a música experimental, a improvisación libre e a electrónica actual; Rastrexos Project & Romain Kuonen, cinco virtuosos artistas finalistas no Runas de Ortigueira en colaboración co profesor da escola de música de Lausanne Romain Kuonen; Odaiko Percussion Group, unha viaxe polas tradicións percusivas globais nun espectáculo que conxuga unha boa dose teatral, humor e unha coidada posta en escena, que dá paso á improvisación fluída e á complicidade co público; unha performance de música africana ou un concerto de marimba en pedra.

As actividades do FIP Santiago comezan o venres 3 de agosto, ás 18:00 horas, na Alameda, cun taller de tamborrada dirixido a público de todas as idades, de balde, e no que os participantes deben aportar, na medida do posible, un instrumento percutivo e que desembocará nun pasarrúas cos participantes que sairá da Alameda ás 19:00 horas e percorrerá o Casco Histórico ata chegar á praza de San Martiño Pinario.

Ás 20:00 horas, na praza de San Martiño Pinario, concerto de L.A.R Legido, músico, investigador sonoro e profesor de batería, expresión rítmica e improvisación, coñecido polos seus traballos con formacións e artistas como S.E.M Big Band, Abe Rábade Trío, X. M. Budiño, Mercedes Peón, Sumrrá, Marful ou Marcos Teira, entre outros. Nesta ocasión únese ao grupo aragonés Nuevo Contemporáneo, formación centrada na exploración das posibilidades que ofrece a música experimental, a improvisación libre e a electrónica dos séculos XX e XXI. Desta unión nacerá un espectáculo sorprendente e innovador, que non pasará desapercibido ao espectador.

Rematará a xornada do venres, ás 22:30 horas na praza da Quintana, coa actuación de Rastrexos Project & Romain Kuonen. Rastrexos Project é unha nova formación composta por cinco artistas virtuosos que, con so 11 meses en escena, xa ofreceron máis de 30 concertos, unha xira por Suíza e este ano foron finalistas do festival Runas de Ortigueira, no que participaron por primeira vez. Colabora nesta ocasión, con motivo do FIP Santiago, Romain Kuonen (Suíza), profesor da escola de música de Lausanne.

Compartir: