CULTURA

Rudi Dudi presenta o seu espectáculo "Clowntamination" na praza da Quintana

01/08/2012 Unha nova actividade familiar para a xornada do xoves 2 de agosto do programa Verán na rúa, co clown Rudi Dudi. Será na praza da Quintana a partir das 19:30 horas. Pechará o día outra entrega de Curtocircuíto na Rúa, con proxeccións na praza do Toural ás 22:30 horas.

Rudi Dudi é un clown belga formado na Escola de Mimos de Antwerpen (Bélxica). Comeza a súa actividade profesional como director, guionista e actor en teatros do seu país de orixe. Máis tarde foi conta-contos e actor no circuíto Teatro na Educación en Irlanda, ata que no ano 2000 decidiu dedicarse totalmente ao clown, viaxando e actuando por toda Europa. No 2005 instálase en Galicia, onde está a desenvolver as súas creación como clown.

Rudi Dudi, no seu personaxe "o home máis forte do mundo", ás veces tenro e inseguro e outras romántico e atrevido, tenta romper os moldes, xogando co absurdo. Coa súa arte sedutora consegue atrapar a un público sen límite de idade, convidándoo a participar e axudar no imposible, logrando que o espectador perda a noción do tempo e gañe un sorriso. Un espectáculo dinámico e interactivo para toda a familia.

Curtocircuíto na Rúa presenta o primeiro dos seus programas de verán: Volta ao mundo 1. Na praza do Toural proxectaranse os xoves 2, 9, 23 e 30 as mellores curtametraxes nacionais e internacionais, seleccionadas polo público asistente á Semana Oficial de Curtocircuíto, que incluirán pezas premiadas ou destacadas nos Goya, nos Bafta ingleses, nos César franceses ou nos Oscar.

Os asistentes poderán votar polas súas curtas favoritas e decidir o gañador do Premio do Público. En caso de choiva, as proxeccións terán lugar na Zona "C", en San Domingos de Bonaval.

Compartir: