COMERCIO

Reyes Leis entregou os premios da Noite Aberta de Primavera

01/08/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, entregou os premios da Noite Aberta de Primavera do comercio compostelán, que se celebrou o venres 18 de maio e que se integrou dentro do programa municipal de actividades das Festas da Ascensión. O programa contou coa colaboración das asociacións comerciais Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro.

A entrega de premios tivo lugar nos propios establecementos onde fixeron as compras as persoas que obtiveron os premios, Blanco e Piteira. A concelleira entregou o premio especial do sorteo, unha viaxe para dúas persoas ás illas Canarias, a Obdulia Lestallo, e tamén os vales de compra de 50 euros para comprar nos propios comercios participantes.

A Noite Aberta de Primavera súmase ás Noites Abertas que xa se celebraron en 2011, a primeira delas dentro do Galicia Fashion Week e as segundas dentro do programa de Nadal do Concello. O obxectivo do Concello con esta iniciativa foi dinamizar o sector comercial de Santiago cunha actividade que achegase aínda máis o pequeno comercio da cidade tanto aos propios composteláns como á xente da comarca no marco das Festas da Ascensión.

Preguntada polo balance das Noites Abertas, a concelleira cualificouno como "desigual", apuntando o ben que funcionaron algunhas datas e o peor resultado doutras. Neste sentido, indicou que "o comercio está pasando unha etapa moi difícil, e se pasa media hora e non entra ninguén na tenda, prefire pechar, e iso tampouco é bo para a promoción", lamentando esta falta de "motivación".

Por este motivo, dixo, "decidimos que ao mellor non é o mellor tempo para seguir con estas noites abertas, e si reformular outras colaboracións para intentar animar as compras no comercio compostelán". Así, apuntou a actividades de rúa, como obradoiros e desfiles, nos que non sexa necesario que os comercios abran fóra do horario normal e con incentivos en forma de premios.

Compartir: