CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis de 1.800 participantes nas actividades do programa "Vive o verán"

01/08/2012 Malia que aínda queda algunha actividade en agosto e setembro, o programa Vive o verán, organizado pola Concellería de Centros Socioculturais, pechou o groso do seu calendario con 1.867 participantes nos meses de xuño e xullo. Nesta cifra inclúense tantos os participantes nas actividades periódicas e puntuais (1.691 entre ambos meses) e os rapaces e rapazas inscritos en xullo no programa de conciliación das Mañás de verán e de xogo, 176 en total.

Do total de participantes, 551 son de xuño e 1.140 do mes de xullo. No que se refire ás Mañás de verán e de xogo, 99 rapaces e rapazas apuntáronse ás tres accións do rural e outros 77 ás desenvolvidas na cidade: 32 en Marrozos/Eixo/Bornais; 32 en Busto/Nemenzo/Marantes; 37 en A Gracia/Grixoa/Lamascal; 22 no CSC de Vite; 30 no CSC de Conxo e 25 no CSC das Fontiñas. A estes hai que engadir os 30 rapaces que participaron no campamento de conciliación e lecer realizado pola asociación veciñal de Figueiras e que contou con nenos e nenas de Figueiras, Villestro e Laraño.

Por actividades, a que rexistrou unha maior participación foron as de Imos de baile, con 430 participantes nas súas catro sesións de xuño. Seguindo co baile, 105 persoas apuntáronse á Danza Bollywood, e outras 41 ao Baile Moderno. Mas catro sesións de MusicArte, desenvolvidas no parque de Vista Alegre, participaron 80 persoas.

A ximnasia tamén tivo unha boa acollida entre os usuarios dos centros socioculturais: 120 participantes en oito sesións de Ximnasia Terapéutica e 203 nas nove de Tai Chi/Chi King. Os Xogos Populares xuntaron na Casa das Asociacións de Cornes a 150 participantes en dúas sesións, mentres que Observando o ceo, levaron á Trisca e a Vite a 50 persoas.

O programa de Vive o verán completouse con varios tipos de saídas. Así, Imos de excursión xuntou 184 persoas en tres excursións á costa norte de Galicia, ao Salnés e á costa de Lisboa. As saídas ao parque acuático de Cerceda convocaron a 218 mozos e mozas, mentres que os tres roteiros de plantas lograron reunir 55 participantes. Ao aire libre tamén se desenvolveron o clinic e a subida ao Pedroso en BTT no marco da iniciativa Pedalea Compostela.

Tres actividades máis en agosto e setembro
Para o mes de agosto, o día 11, aínda queda unha excursión, neste caso ás Illas Cíes. E os nosos maiores poderán pechar bailando o mes de agosto ao ritmo do grupo Zeltia, o día 31, no Local Sociocultural das Casas Novas. Ademais, xa en setembro, novo clinic de Pedalea Compostela no Centro Sociocultural de Conxo o día 13.

Compartir: