CENTROS SOCIOCULTURAIS

Unha gran festa pechou as actividades das "Mañás de verán e de xogo"

31/07/2012 As Mañás de verán e de xogo do programa Vive o verán, organizadas pola Concellería de Centros Socioculturais, finalizaron cunha gran festa. Estas actividades matinais foron todo un éxito, confirmando o acerto da incorporación das parroquias, o que supuxo un forte impulso para os locais que en anos anteriores permanecían pechados.

A proposta do rural, titulada Mañás de xogo, estaba destinada a rapaces de entre 4 e 12 anos e trataou de ofrecer una alternativa de ocio aos rapaces da zona, prexudicados pola dispersión xeográfica. As tres accións programadas desbordaron as expectativas dos organizadores, dando cabida a 99 nenos que durante o mes de xullo gozaron de multitude de actividades nos locais e centros socioculturais de Marrozos, O Eixo/Bornais, Nemenzo, Marantes, Busto e A Gracia. O rural contou cunha cuarta acción, organizada polo LSC de Figueiras, con rapaces de Figueiras, Villestro e Laraño.

Vive o verán tamén se desenvolveu na cidade. Así, no CSC de Vite triunfaron as actividades de movemento como o deporte e o circo. A expresión plástica e os xogos foron o fío condutor das Mañás de verán no CSC Conxo e, no CSC das Fontiñas, os pequenos artistas non pararon de crear.

Saídas a Cerceda, xogos e deporte
Mañás de verán participou na primeira saída a Cerceda do programa, que contou con máis de 100 inscritos. A segunda, con 150 rapaces, celebrouse o 19 de xullo.

As seis accións tiveron varios puntos de encontro para que tanto nenos como monitores compartiran impresións, como por exemplo os Xogos de auga no parque de Bonaval, ou os Xogos populares no Local das Asociacións de Cornes. Sen esquecer esta gran Gran Festa Final que pechou o programa no LSC da Gracia e á que estaban convidados todos os rapaces que participaron nas Mañás de verán e de xogo.

Compartir: