EDUCACIÓN

Educadores de Galicia e Cabo Verde fórmanse no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela

30/07/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, presentou o intercambio que un grupo de formadores galegos e caboverdianos están mantendo no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela (Figueiras). Forman parte de Altair, unha asociación educativa internacional que traballa nun proxecto de educación no tempo libre dirixido a rapazas e rapaces de entre 8 e 18 anos.

O profesor da USC Elías Torres dirixe esta entidade, que na actualidade ten formados dous grupos: Monte Cara, en Cabo Verde, e Chao do Castro, en Burela. Os coordinadores de ambos grupos, Bruno Faustino e Xulieta Lima, estiveron tamén na rolda de prensa para falar do campamento que os reúne nas instalacións de Figueiras. Neste sentido, Torres lembrou que os contidos pedagóxicos e lúdicos e o contacto coa natureza son eixes fundamentais do traballo de Altair.

O de Altair –indicou o profesor- é un proxecto "integrador" e de "intervención cívica", no que, ademais dos formadores e dos rapaces, participan as familias. É unha iniciativa aberta a calquera perfil de escolar, con vocación de estabilidade, e no que os formadores sono con carácter voluntario. Salientou igualmente o labor en rede que se realiza, propiciando o intercambio de experiencias.

Compartir: