CONSORCIO

Vinte e catro canteiros devolveron a praza do Obradoiro á súa función orixinal

28/07/2012 No marco das iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación, o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción convocaron o IV Concurso Canteiros no Obradoiro, celebrado na praza do Obradoiro.

Partindo dunha prancha irregular de granito de 80x50x20, 24 canteiros demostraron a súa destreza á hora de tallar unha lousa de granito, similar ás que conforman o pavimento da Cidade Histórica de Santiago. O primeiro premio, de 1.500 euros, foi para Francisco Cao Camino, canteiro da Estrada de 76 anos de idade. Jorge Martínez Rivas, de Brión, recibiu un segundo premio de 600 euros e Daniel Soutullo Sampedro, de Sanxenxo, un terceiro de 400 euros. Ademais entregáronse cinco accésit, que foron para Juan Vázquez Pérez, de Porriño; José Manuel Pérez Fontán, de Pontevedra; Juan José Hermida Pazos, de Poio; Ignacio Carbajales Bouzón, de Teo; e Manuel Vigo Vázquez, de Santiago.

O canteiro gañador procedeu a marcar coa súa sinatura a pedra que o fixo gañador e que será colocada durante algún dos traballos de mantemento dos pavimentos da Cidade Histórica de Santiago.

O xurado tivo en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, a corrección nos acabados, o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo e a organización e limpeza do posto de traballo.

O concurso devolveu por unha xornada a praza do Obradoiro á súa función orixinal e que lle deu nome, é dicir, a de "obradoiro" de canteiros que traballaban na construción da Catedral.

Canteiros no Obradoiro enmárcase nas iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación promovidos polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construcción e vincúlase de forma especial ao programa A Pedra que pisas, posto en marcha en 2007 polo Consorcio de Santiago para o mantemento e conservación dos lousados da Cidade Histórica.

Neste sentido, compre salientar o convenio asinado este ano entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construcción, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento polo cal Santiago será a sede do Centro Nacional de Referencia en Materia de Rehabilitación, destinado á formación de traballadores da construción en oficios vinculados á rehabilitación e ao mantemento de edificios e espazos públicos.

Compartir: