PLENO

Jesús Precedo Lafuente e Manuel Sánchez Salorio recibirán a Medalla de Ouro da cidade o 14 de setembro

26/07/2012 A Corporación aprobou a proposta da Alcaldía para o outorgamento das próximas Medallas de Ouro da cidade. Recibiranas o oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio e, a título póstumo, o que fora coengo e deán emérito da Catedral, Jesús Precedo Lafuente. O acto de entrega das distincións terá lugar o 14 de setembro.

Jesús Precedo Lafuente xa conta cunha rúa en Compostela, cidade da que é fillo adoptivo. Agora recibirá un recoñecemento máis a título póstumo co outorgamento da Medalla de Ouro. Nado en 1925 na parroquia de Anceis (Cambre) e falecido en Santiago en febreiro de 2011, Precedo estivo máis de medio século vinculado á Catedral, da que foi cóengo e deán emérito.

Licenciado en Teoloxía e en Ciencias Bíblicas e Diplomado en Filosofía, foi profesor do Instituto Xelmírez e do Instituto Teolóxico Compostelán, e un firme defensor da introdución do idioma galego no ámbito eclesiástico. Ademais da súa traxectoria eclesiástica e académica, é autor de diversas publicacións sobre o Apóstolo ou a Catedral, entre outros temas, e de numerosos artigos. Foi un habitual colaborador en prensa, radio e televisión.

Manuel Sánchez Salorio (A Coruña, 1930), é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, catedrático de Oftalmoloxía e director executivo do Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Referente no eido da Medicina, ten sido responsable da formación de numerosos catedráticos de Medicina e oftalmólogo, ademais de director de teses doutorais e autor de numerosos traballos en publicacións científicas. Tamén ten participado en diferentes proxectos de investigación e exercido cargos como o da dirección da Sociedade Española de Oftalmoloxía ou da revista Studium Ophtalmologicum.

Esta proposta de distincións foi aprobada cos votos favorables do PP e do PSdeG-PSOE, coa abstención do BNG, que mostrou o seu desacordo co procedemento, non cos méritos dos homenaxeados.

Urbanismo
Na mesma sesión do Pleno, compareceu, a petición do BNG, a concelleira de Urbanismo, María Pardo, para informar sobre a finca do Espiño. A edil explicou a tramitación deste proxecto ao longo dos últimos anos e anunciou que a recuperación como parque público da finca e o arranxo do palacete serán as primeiras obras que se licitarán dos orzamentos de 2012. En paralelo, lembrou, continuarase co procedemento de constrinximento para cobrar o diñeiro que, por sentencia xudicial, debe satisfacer a empresa Layetana ao Concello.

Tamén en materia de urbanismo, aprobouse cos votos favorables de PP e PSdeG-PSOE e a abstención do BNG, a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago (PE-1) no número 5 da rúa San Miguel dos Agros.

Mocións
No capítulo de mocións, o Pleno aprobou dúas por unanimidade. A primeira, presentada polo PSdeG-PSOE, resolve que "o Concello de Santiago formule as oportunas alegacións ou emendas ao Plan Sectorial de Aparcadoiros Disuasorios da Xunta de Galicia, co fin de mellorar as conclusións deste traballo".

Na segunda moción, neste caso presentada polo BNG, acórdase que "o Concello de Santiago elaborará un Plan municipal de fomento do emprego destinado á mocidade en coordinación con outras administracións e axentes sociais".

Compartir: