DEPORTES

Seguen as actividades de verán do Don Bosco

26/07/2012 O Concello de Santiago colabora coas actividades que durante o verán organiza o Centro Xuvenil e a Escola de Tempo Libre Don Bosco. Estas accións buscan converter o tempo libre nun espazo de diversión educativa para os nenos e nenas e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación familiar, ademais de fomentar a integración de nenos en risco social.

Mañás no Bosco é o título baixo o que se engloban as actividades que se viñeron desenvolvendo dende finais de xuño e que rematarán o 27 de xullo. Esta foi oitava edición do programa, dirixido a nenos e nenas de 4 a 13 anos. Distribuídos por grupos de idades, máis de 400 nenos participaron en diversos obradoiros, xogos, paseos e actividades deportivas.

Campamento Urbano
Xa para o período comprendido entre o 30 de xullo e o 10 de agosto está previsto un Campamento Urbano. Este programa chega á súa edición número 31 e contempla unha ampla oferta de actividades lúdicas e educativas. É un campamento totalmente aberto e gratuíto para os participantes, coa intención de facelo accesible a calquera neno.

O programa inclúe excursións a diferentes lugares próximos a Santiago, visitas a institucións, actividades de interculturalidade, deportes, praia, ludoteca, a edición dun xornal e obradoiros de todo tipo. Os máis maiores participarán nalgunhas actividades nocturnas especialmente preparadas para eles.

O Campamento Urbano acollerá entre 80 e 100 nenos de 8 a 14 anos. Favorecerase tamén o encontro cos participantes noutros campamentos urbanos de Galicia na xuntanza que este ano se celebra en Ourense e que promove a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco. Na cidade das Burgas reuniranse máis de 700 rapaces e rapazas de toda Galicia.

Programa SanPedrines
O Centro Don Bosco leva tamén varios anos organizando o programa SanPedrines, no mesmo horario que o Campamento Urbano, pero dirixido a nenos e nenas de 4 a 7 anos. Para eles hai preparados talleres e outras actividades. O seu horario é de mañá, se ben cando o Campamento Urbano permanece no centro poden participar igualmente polas tardes. Está prevista a presenza duns 50 nenos, favorecendo tamén o acceso das familias con maiores necesidades.

Compartir: