TRANSPORTE

O transporte urbano do 2020, a debate en Santiago

03/05/2006 Expertos internacionais e nacionais debaterán en Santiago sobre o futuro do transporte colectivo nas Xornadas Técnicas sobre Transporte Urbano, que se celebran no Auditorio de Galicia os días 4 e 5 de maio. Asuntos coma o futuro das cidades, as esixencias dos clientes e cidadáns, a oferta tecnolóxica a implantar ou o marco legal e financeiro do sistema de transportes, centrarán o debate.

As xornadas foron presentadas polo concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, e polo secretario xeral da Asociación de Empresas Xestoras dos Transportes Urbanos Colectivos (ATUC), Fidel Ángulo. Esta entidade representa ao 74% das empresas do sector en España, ao 85% en mobilidade en autobús e ao 100% en metro e ferrocarril.

Nas distintas mesas falarase sobre o futuro do transporte colectivo urbano e sobre os seus problemas, que afectan fundamentalmente á descentralización da xestión do transporte colectivo. "A descentralización achega a xestión ó cidadán, pero ó mesmo tempo afástana das directivas europeas, o que se converte nun problema ante a falta de coordinación estatal", apuntou o secretario xeral de ATUC.

Para Fidel Ángulo, o transporte urbano en España ten "unha gran calidade, superior á media europea, e é moi barato". Malia todo, demanda unha potenciación do mesmo, mediante "a priorización a nivel de infraestruturas" e unha maior concienciación cidadá sobre a "calidade de vida que quere". Entre as reclamacións tamén apuntou a dunha lei de financiamento do transporte urbano colectivo.

Compartir: