CULTURA

Teatro, danza e música na programación cultural do mes de maio

03/05/2006 O teatro será unha das actividades máis destacadas da actividade cultural de Santiago do mes de maio, segundo adiantou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación da programación para as vindeiras semanas. Entre outras representacións e dentro do convenio coa Fundación Caixanova, o escenario do Auditorio de Galicia acollerá o 20 de maio 84 Charing Cross Road, dirixida por Isabel Coixet e que conta no seu elenco con Carme Elías, Josep Minguell e, Mercedes Sampietro.

O teatro tamén será protagonista no Principal, coas obras Ventos, baseada en textos de Celos Emilio Ferreiro, a cargo de Pífano Teatro (4 de maio), e A farsa do bulublú, de Manuel María, a cargo de Teatro do Morceo (12 de maio). A oferta escénica compleméntase coas representacións na sala Yago e na sala Nasa.

A oferta musical trae unha nova entrega do ciclo Sons da Diversidade. O 13 de maio actuará no Principal o artista brasileiro Naná Vasconcelos. Este mago da percusión, trae os ritmos dos tambores da súa terra e unha música con influencias musicais tan variadas coma Villa Lobos ou Jimi Hendrix. É un dos instrumentistas máis solicitados internacionalmente. Ten tocado con Egberto Gismonti, Pat Metheny, B. B. King ou Jan Garbarek.

Na programación do Auditorio destaca tamén a actuación o venres 5 da Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, coa dirección de Maximiano Valdés e co violonchelista Arto Noras. Interpretarán O cisne de Tounela e a Sinfonía número 5 en Mi bemol maior, op.. 82, de Sibelius, e o Concerto para violoncello e orquestra en mi menor, op. 85, de Elgar. Ó longo do mes continúan tamén os concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia.

A oferta cultural do mes complétase coa danza, con dúas citas. O sábado seis de marzo celébrase o 'I Certame de Danza Intercentros'" , mentres que do 8 ó 13 de maio diversos escenarios da cidade acollen o Move´m Cult & Danza Festival dos ritmos do mundo 2006.

Compartir: