EMPREGO

A II Feira Internacional de Emprego finaliza cumprindo os obxectivos marcados

20/07/2012 Logo de dúas intensas xornadas de actividade, a II Feira Internacional de Emprego, organizada pola Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, pechou as súas portas cun importante número de participantes e visitantes. Máis de 4.000 persoas acudiron nestes dous días ao Multiusos Fontes do Sar, recinto onde se celebraron os procesos de selección concertados e onde se desenvolveu o programa de conferencias e obradoiros gratuítos relacionados co sector laboral, o mercado de traballo e a busca de emprego.

Como na súa primeira edición, a II Feira Internacional de Emprego desenvolveu de forma ininterrompida numerosas entrevistas e procesos de selección in situ, unha característica que a diferencia claramente doutros eventos semellantes. Grazas ao labor desenvolvido pola Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago, que xestionou un importante volume de currículos (máis de 3.000), a II FIE permitiu a celebración de arredor de 500 entrevistas a outros tantos candidatos que optan aos case 350 postos de traballo ofertados polas 58 firmas participantes. Nos próximos días seguiranse desenvolvendo dinámicas de selección xa concertadas para estas mesmas ofertas.

Visitantes e empresas participantes
Para moitos dos participantes nos numerosos procesos de selección desenvolvidos polas case 60 empresas da II FIE, a experiencia resultou indubidablemente positiva. "Levo xa varios meses no paro e calquera iniciativa deste tipo é benvida. Esta mañá tiven unha entrevista de traballo e marcho bastante contenta, a ver se hai sorte", explicou unha candidata.

Segundo contou outro dos entrevistados, "Inscribinme hai dúas semanas na web da Axencia Local de Colocación e durante varios días estiven moi pendente das ofertas que saían publicadas. Mandei o meu currículo a tres ofertas e chamáronme para dúas delas, as que máis teñen que ver coa miña formación académica e a miña experiencia laboral". "Eu vin ata aquí sobre todo para informarme sobre a actividade dunha empresa que traballa no meu sector e que vai abrir un local en Santiago. A verdade é que os encargados do stand foron moi atentos. Pagou a pena a visita", indicaba un participante.

No tocante ás impresións que esta Feira suscitou nas empresas participantes, os representantes de Aquagest na II FIE, explicaban: "Contactamos con moita xente cun perfil moi axustado ao que nós buscamos. Respecto á organización do evento estamos moi satisfeitos". Pola súa parte, a responsable do stand de Cervexería Lois indicou que "imos abrir un local no Centro Comercial das Cancelas e pensamos que participar nesta feira era unha boa forma de coñecer posibles candidatos aos postos que precisamos cubrir". Para os responsables de Leroy Merlín, "esta foi unha experiencia moi positiva a varios niveis. Non só nos demos a coñecer como empregadores, tendo a sorte de que precisamos ampliar o noso cadro, senón que tivemos unha afluencia de xente moi importante".

Compartir: