EMIGRACIÓN

Sánchez Bugallo reúnese cos santiagueses de Montevideo

03/05/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, continúa coa súa viaxe institucional por Arxentina e Uruguai. Na súa primeira xornada en terras uruguayas, asinou un convenio coa Fundación Ramón Rubial "Españois no mundo" para a realización dun censo dos 700 santiagueses residentes neste país. Sánchez Bugallo tamén se reuniu cos santiagueses residentes en Montevideo e que se achegaron á sede do Centro Galego.

Procedente de Bos Aires e acompañado pola concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regulez, Sánchez Bugallo foi recibido por Manuel Calvo Pan, presidente do Centro Galego de Montevideo, a institución galega máis antiga do mundo fóra de Galicia. O rexedor compostelán e presidente da Mancomunidade de Santiago agradeceu a hospitalidade da institución ó cederlle a sede para a súa xuntanza cos veciños composteláns. "Aquí tivemos sempre unha excelente acollida e estamos encantados de volver", apuntou.

No Centro Galego o alcalde asinou o convenio polo que o Concello compostelán dotará á "Españois no Mundo" de 3.000 euros para realizar un censo socioeconómico dos 700 santiagueses que hoxe viven en Uruguai. Sánchez Bugallo salientou a importancia deste censo para "saber de quen estamos falando e ver en que medida podemos colaborar con eles".

O alcalde pediu aos seus paisanos que reciban e respondan da forma máis fidedigna posible ás preguntas que se lles formulen para o censo. Aclaroulles que a información facilitada terá total privacidade e que "axudará enormemente á hora de articular políticas sociais".

Na opinión de Sánchez Bugallo, do mesmo xeito que o Concello intenta atender aos seus inmigrantes maiores, "o que é unha cuestión de xustiza", débense renovar os lazos coas novas xeracións de fillos e netos de santiagueses. "Este é un investimento de futuro, pois é absolutamente necesario que os máis novos se incorporen e tomen protagonismo", sinalou.

Trala sinatura do convenio, o alcalde reuniuse cos veciños santiagueses, ós que lle reiterou a súa intención de potenciar os lazos cos máis novos descendentes de santiagueses coa terra dos seus maiores. Neste sentido, recomendoulles que "sen esquecer a súa nacionalidade uruguaia, viviran e conservaran coa mesma ilusión os sinais de identidade con Galicia".

Ó igual que en Bos Aires, onde existe una oficina permanente de Santiago que funciona na Casa de Vedra, podería articularse o vindeiro ano unha oficina de semellantes características en Uruguai –aínda que non permanente– a través dun convenio con algunha institución, que podería ser o propio Centro Galego.

Finalmente, Sánchez Bugallo falou do contido do convenio a subscribir co Fogar Español, grazas ó cal se dotará cunha subvención anual de 1.000 euros a cada un dos seis anciáns santiagueses que actualmente residen na devandita institución.

Compartir: