XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a revisión das tarifas dos aparcadoiros públicos para 2012

19/07/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a revisión de tarifas de varios estacionamentos públicos para o ano 2012. Ademais, fixouse o prezo público das entradas ao Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Os estacionamentos afectados pola revisión son os de praza de Vigo, San Clemente, Hórreo, San Caetano, Romero Donallo, Ponte Castro-A Rosa, Praza Roxa e Choupana. Aplícase o IPC de decembro de 2010 a decembro de 2012, que é do 2,40%, agás no caso do aparcadoiro da praza de Vigo, xa que o seu contrato fixa a revisión no 75% do IPC, neste caso o 1,80%. No caso do estacionamento da praza de Galicia, non se acadou o límite establecido no prego para levar a cabo unha revisión tarifaría en 2012.

Facenda
A proposta da concelleira de Facenda, fixouse o prezo público para a entrada á exposición do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Inicialmente haberá un período gratuíto ata setembro. Logo, o prezo xeral será de 2,50 euros e a tarifa reducida de 1,50 euros.

Nesta tarifa reducida incluiranse maiores de 65 anos, menores de 12 anos, peregrinos coa súa Compostela e grupos de máis de 10 persoas. O prezo para escolares será de 1 euro e os menores de 8 anos entrarán de balde. Tamén será gratuíta a entrada os días da Ascensión e San Roque e o Día dos Museos.

As instalacións abrirán o 24 de xullo cunha exposición sobre a Compostela do século XIII.

Sanidade
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a prórroga do contrato do servizo de lacería de animais abandonados no termo municipal de Santiago. A ampliación estenderase do 1 de setembro de 2012 ao 28 de febreiro de 2013, por un importe de 21.616 euros.

Urbanismo
Xa en materia de Urbanismo, acordouse solicitar unha subvención ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para o acondicionamento e valorización do Castelo da Rocha Forte, por importe dun millón de euros. Unha vez retomado de novo este proxecto polo Goberno municipal, incluíndoo nos orzamentos de 2012, vólvese a solicitar esta achega.

Tamén no ámbito desta Concellería, aprobouse a primeira das licenzas para a instalación de ascensores nas chamadas Casas de Ramírez, en concreto para o inmoble situado no número 2 da rúa de San Pedro de Mezonzo.

Deuse igualmente o visto bo á recepción das obras de urbanización da última fase do proxecto de urbanización do SUNP-13 da estrada da Estrada, así como das de urbanización do SUNP-12 de Lamas de Abade. Neste último caso, segundo indicou a concelleira María Castelao, quedan pendentes unhas pequenas obras de acondicionamento e de instalación de mobiliario.

Turismo
Finalmente, aprobouse a sinatura dun convenio coa Deputación da Coruña polo que esta achegará 350.000 euros para o Plan de Competitividade Turística.

Documentos relacionados



Compartir: