SERVIZOS SOCIAIS

O Concello promove a sensibilización e promoción do voluntariado

02/05/2006 "Sácalle punta e participa" é o título dunha campaña coa que se pretende sensibilizar ós máis novos sobre a importancia da actividade do voluntariado. Esta iniciativa desenvólvese nos centros de bacharelato e formación profesional da cidade a través dun xogo de rol chamado "A pequena cidade", na que os mozos e mozas a partir de 16 anos se implican na busca de solucións a unha situación determinada.

A campaña, na que participa o grupo de traballo do voluntariado do Consello Municipal de Servizos Sociais de Santiago de Compostela, inclúe unha serie de actividades, coma un mercado solidario, denominado "Luces de Compostela". Trátase da instalación dun posto no mercado de abastos coma lugar de venda de produtos elaborados polos socios, así coma un punto de información sobre os programas que desenvolven as diversas asociacións pertencentes ó Consello Municipal de Servizos Sociais.

O mercado, atendido por voluntarios, pretende sensibilizar á cidadanía sobre as distintas problemáticas sociais existentes no noso entorno, impulsar a cultura da solidariedade e estimular a constitución de asociacións locais e potenciar as xa existentes.

Defensa da muller

Por outra parte, a Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou as bases e para a convocatoria de subvencións para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller. O obxectivo destas axudas é contribuír ó financiamento das asociacións de mulleres, secretarías da muller dos sindicatos e vocalías da muller das asociacións de veciños do Concello.

A Concellaría da Muller destina un total de 20.000 euros a esta convocatoria, que pretende favorecer os programas que fomenten o desenvolvemento integral da muller, promovan a súa participación activa en tódolos eidos e contribúan a facer efectiva a igualdade entre homes e mulleres.

Compartir: