OBRAS

As obras de urbanización do polígono 4 das Fontiñas rematarán a principios de outono

18/07/2012 A concelleira de Parques e Xardíns, María Castelao, visitou este mércores o estado das obras no polígono 4 do barrio das Fontiñas, que rematarán a principios de outono e que dotarán á área Concheiros/Fontiñas de 28.000 metros cadrados de zona verde.

As obras de urbanización do que será un dos parques fundamentais da cidade comezaron en setembro do ano pasado, e suporá unha forte aposta por parte do Concello de Santiago pola revalorización da zona das Fontiñas e dos Concheiros.

Tal e como sinalou María Castelao, o traballo de urbanización do polígono 4 planeouse seguindo de xeito moi minucioso as demandas dos veciños, como era a implantación dun parque infantil. A edila salientou que se está a estudar a posibilidade de poñer á disposición dos cidadáns outras infraestruturas, como poden ser a instalación dun circuíto biosaudable.

Así mesmo, a responsable do departamento de Parques e Xardíns explicou que se adecentará o caudal do regato, e se creará unha área de hortas urbanas, proxecto que xa se atopa en obras. Serán 41 parcelas a disposición dos veciños, que está previsto que en setembro se saquen a concurso coa vista posta en que a principios de outono xa poidan estar en funcionamento.

Documentos relacionados



Compartir: