ALCALDÍA

As obras na Praza de Abastos estarán rematadas en novembro do vindeiro ano

17/07/2012 O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás Fernández, visitou as obras de remodelación do mercado monumental da cidade, e anunciou que está previsto que estas actuacións rematen en novembro de 2013.

O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, xunto coas concelleiras delegadas de Economía e Mercados, Reyes Leis; e de Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo, visitaron as obras de remodelación da Praza de Abastos de Santiago. Na visita, na que tamén estivo presente a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Nava Castro, o rexidor compostelán anunciou que está previsto que esta actuación finalice en novembro do vindeiro ano.

As obras, ás que Currás cualificou de "moi necesarias" para a cidade, contemplan a posta en funcionamento dun ascensor dende a rúa da Virxe da Cerca, o soterramento do transformador, ou o retellamento das naves –actuación que xa está rematada--. Ángel Currás incidiu en que malia a "gran envergadura" destas obras, farase énfase en que a circulación na contorna do mercado monumental e o propio funcionamento diario da Praza sexa "compatible" en todo canto sexa posible.

Ademais, Ángel Currás referiuse de xeito especial ao futuro da nave 5, que se configurará como un espazo gastronómico referente no mapa galego. A este respecto, Reyes Leis informou que se habilitarán de 10 a 12 locais onde se poderán degustar novas propostas de tapas e pinchos, na liña de traballo de que esta nave se configure como escaparate gastronómico que promocione a gastronomía compostelá e galega e que lle outorgue un valor engadido á Praza.

Este plan de remodelación da Praza de Abastos compostelá supón unha inversión de 5’15 millóns de euros, un orzamento que será financiado ó 51% polo Ministerio de Fomento, 23% pola Xunta de Galicia e 27% polo Concello.

Documentos relacionados



Compartir: