ALCALDÍA

O alcalde reúnese con membros da xunta directiva da Asociación Aspas

16/07/2012 O rexidor compostelán, Ángel Currás, mantivo un encontro con membros da xunta directiva da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (Aspas), onde manifestou o recoñemento do Concello ao papel desta asociación e o seu apoio ás actividades de mellora da calidade de vida destas persoas.

O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás Fernández, mantivo un encontro este luns con membros da xunta directiva de Aspas, a quen lle trasladou o recoñecemento do Concello ao seu labor, ao tempo que mostrou o apoio institucional á actividade de integración social que esta asociación leva a cabo.

O rexidor compostelán mostrou a súa satisfacción en recibir aos representantes desta asociación, da que quixo salientar o seu papel "fundamental" á hora de mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de discapacidade fundamental e as súas familias, en especial nun momento como o actual, no que as administracións deben "volcarse" de xeito especial con estas asociacións.

Deste xeito, Ángel Currás puxo de manifesto a total disposición do Concello de Santiago para afondar nas vías de colaboración institucional, e anunciou que no mes de setembro se levará a cabo unha visita ás instalacións que esta asociación ten na cidade.

Pola súa banda, dende a xunta directiva de Aspas expresouse o "agradecemento" pola sensibilidade do Concello de Santiago cara ao labor social que a asociación leva a cabo na cidade, e sinalaron o seu desexo de continuar traballando conxuntamente para mellorar a calidade de vida de todos os composteláns e compostelás con discapacidade intelectual en todo canto sexa posible.

Sobre ASPAS
A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago é unha organización sen fin de lucro, declarada de Utilidade Pública por O.M. o 2 de Xullo de 1976 e galardoada coa Medalla de Prata da Cidade de Santiago ao Mérito Cidadán en 1991. Dende a súa constitución, o 27 de Marzo de 1967, presta servizos a cidadáns de Santiago de Compostela e á súa comarca, así como a persoas de 27 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra.

Documentos relacionados



Compartir: