EMPREGO

Preto de 30 expertos participarán na II Feira Internacional de Emprego

15/07/2012 Baixo o título xenérico de "Os novos mercados de traballo e as estratexias innovadoras para a busca de emprego", a II Feira Internacional de Emprego (FIE), organizada pola Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego do Concello de Santiago, ofrecerá durante os días 19 e 20 de xullo un completo programa de actividades no Multiusos Fontes do Sar. Estas xornadas, de carácter totalmente gratuíto, desenvolveranse de xeito paralelo á realización das entrevistas de traballo e procesos de selección de persoal e inclúen máis dunha vintena de conferencias e obradoiros.

As actividades que conforman o programa das Xornadas da II FIE están especialmente deseñadas para axudar a atopar emprego a aqueles colectivos máis castigados pola actual crise económica: mozos e mozas que aspiran a incorporarse por vez primeira ao mercado laboral e aquelas persoas desempregadas de longa duración.

O obxectivo principal destas xornadas é situar aos participantes nas mellores condicións para afrontar a procura de traballo. Para iso, as diversas actividades programadas se centrarán en aspectos como as novas tecnoloxías e as redes sociais na busca de emprego, as ferramentas máis eficaces para superar con éxito os procesos de selección, as características das probas de selección segundo o sector de actividade ou a ocupación a desenvolver e a selección por competencias.

Para asistir, os interesados deben formalizar unha inscrición online, totalmente gratuíta, que lles asegurará unha praza naquelas actividades con aforamento limitado. O formulario para inscribirse está dispoñible na seguinte ligazón, na que tamén se pode consultar o programa completo: http://axencialocaldecolocacion.org/2-fie/actividades

Conferencias e obradoiros
Entre os conferenciantes, a II FIE contará coa presenza de Begoña Costa e Ana Barreiro, de C&B, que falarán sobre a incidencia das reformas laborais, os tipos de contratos e as súas condicións e bonificacións; Joaquín Dosil Díaz, profesor de Psicoloxía da Universidade de Vigo, que analizará as estratexias para afrontar o día a día da busca de emprego, o contacto coas empresas e o coaching; membros de Adecco Professional, que analizarán o uso das redes sociais por parte dos candidatos e dos profesionais de recursos humanos; Pablo Lopez, da Asociación para la Promoción de la Inteligencia Económica en Galicia, que fará unha introdución prospectiva aos cambios sociais e tecnolóxicos e a súa incidencia directa sobre o emprego, ou membros do Servizo de Orientación da USC, que informarán sobre as Becas Santander USC e prácticas en empresas.

No tocante aos obradoiros, as Xornadas da FIE porán a disposición dos asistentes os coñecementos de Anna Viñolas, especialista en coaching e membro da empresa Qcoah, que explicará como mellorar as capacidades estratéxicas na procura de emprego; membros da Asociación Plataforma polo Emprego, que impartirán unha actividade centrada nas opcións para a profesionalización dos coñecementos das persoas que carecen de títulos oficiais; Natalia Novoa Torres, coordinadora de proxectos de Agafor, que desenvolverá un obradoiro baseado no emprendemento en equipo como mecanismo para a creación de emprego; Nelly Rey Rey, coach profesional e máster en Dirección de RR.HH, que indicará que recursos poden axudar a impulsar os proxectos laborais e o uso das redes sociais, ou Marisol Vázquez Suárez, diplomada en Relacións Laborais e Postgrao de Especialización en Práctica Laboral e Recursos Humanos, que impartirá un obradoiro centrado nas últimas técnicas de busca activa de emprego.

Empresas participantes e ofertas laborais
A unha semana do seu comezo, a II Feira Internacional de Emprego ten xa asegurada a participación de alomenos 55 empresas galegas, nacionais e internacionais, un dato moi positivo xa que supera en 5 o número de entidades que tomaron parte na primeira edición do evento, celebrada en novembro do pasado ano. No tocante ao número de ofertas laborais ás que optarán os participantes, ata o momento hai aseguradas 305, das que case unha trintena corresponden a postos laborais no estranxeiro. A I FIE contaba nestas alturas con arredor de 250 ofertas confirmadas.

FIE Exposición e encontro empresarial
Xunto ao programa das xornadas e os procesos de selección laboral, o recinto da II Feira Internacional de Emprego albergará unha ampla zona de exposición, na que as empresas participantes disporán de cadanseu stand dende o que poderán informar ás persoas desempregadas e outras entidades sobre as súas actividades, programas de emprego, prácticas ou bolsas de traballo, e no que recollerán C.V. para futuros procesos de selección e contratación. Ademais, e como novidade, esta edición do evento porá en marcha o FIE Traballo Colaborativo entre Empresas, un espazo de encontro no que as empresas poderán establecer dinámicas de colaboración, que permitan a obtención de sinerxías para o fomento e mantemento do emprego.

Compartir: