XUNTA DE GOBERNO

Os sancionados por consumo de alcohol na vía pública poderán realizar tarefas como limpeza de camiños ou axuda a peregrinos

12/07/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, deu conta dun convenio da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego coa Asociación de Voluntarios de Protección Civil para facilitar a realización de traballos substitutivos polo sancionados por consumo de alcohol na vía pública.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Benestar Social, Paula Prado, o convenio facilitará que os que infrinxan a Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria realicen unha pena substitutiva en beneficio da comunidade. Así, farán labores de limpeza de camiños, prevención de xeadas, axuda a peregrinos e limpeza de vehículos e útiles tras a súa utilización.

Este convenio con Protección Civil ten un custo económico para o Concello. Por un lado, achegará 4.000 euros para a adquisición dos traxes especiais necesarios. Polo outro, sufragará as dietas de 40 euros ao día para cada voluntario de Protección Civil que se faga cargo destas persoas que realizan os traballos substitutivos.

Estas tarefas realizaranse os fins de semana, en sábados e domingos alternos, en horario de 8:00 a 13:00 horas. Cada día formarase un grupo de 10 mozos e mozas, facéndose cargo cada voluntario de cinco deles.

A concelleira salientou a necesidade dun convenio coma este con Protección Civil, xa que as entidades que xa prestan colaboración nesta materia non poden asumir en ocasións o total de persoas que deben facer estes traballos substitutivos. Neste sentido, indicou que xa se remataron 118 expedientes e 79 sancionados xa realizaron os seus traballos en prol da comunidade, mentres que outros 39 faranos proximamente: 20 en Protección Civil e 19 noutros servizos municipais e entidades sociais.

Ademais de Protección Civil, véñense realizando traballos comunitarios no Viveiro Municipal, nos centros socioculturais de Fontiñas e O Ensanche e en entidades como Cáritas, Agadea, Albergue Xoán XXIII, Proxecto Home, Cociña Económica ou Down Compostela, entre outras. A propósito deste tipo de entidades, a concelleira indicou que nos convenios que se asinen coas mesmas se incluirá unha cláusula para que permitan a realización destes traballos substitutivos.

Regulamento da Policía Local
Por procedemento de urxencia, iniciáronse os trámites para elaborar un Regulamento da Policía Local. Esta norma é obrigada para a adaptación á nova Lei de Coordinación e incluirá novidades como unha reorganización operativa, a regulación da segunda actividade ou a creación dunha comisión de valoración para o outorgamento das medallas e méritos.

Ampliación de horario
Outro dos acordos do Goberno Local foi o visto bo á solicitude da Asociación Hostalería Compostela para a ampliación nunha hora dos horarios de apertura dos establecementos do 15 ao 31 de xullo, con motivo das Festas do Apóstolo. Igualmente, aprobouse esta ampliación do 14 ao 19 de agosto.

Legado ao Concello
Na sesión tamén se deu conta do legado de 4.500 euros en efectivo realizado por María del Carmen Gómez ao Concello para fins sociais. Paula Prado agradeceu esta axuda, "destinada a facer accións sociais tan necesarias nestes tempos tan difíciles de crise".

Pavillón de Fontiñas
En materia de Deportes, aprobouse o convenio entre o Concello e o Club deportivo Fontiñas relativo á utilización e mantemento do rocódromo municipal ubicado no pavillón de Fontiñas. Tendo en conta que este club é o de referencia na cidade na modalidade de escalada, considerouse axeitado que teña preferencia no uso do equipamento.

Documentos relacionados



Compartir: