CENTROS SOCIOCULTURAIS

Éxito das actividades lúdicas do programa "Vive o verán" nas parroquias de Santiago

12/07/2012 As actividades matinais organizadas dentro do programa Vive o verán están resultando un éxito. Este ano, a novidade fundamental da iniciativa é a incorporación de actividades nas parroquias, que supuxo un forte impulso para os locais que en anos anteriores permanecían pechados. O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, visitaron as actividades realizadas nesta xornada nos centro socioculturais da Gracia e de Marantes.

A proposta do rural, titulada Mañás de xogo, está destinada a rapaces de entre 4 e 12 anos e trata de ofrecer una alternativa de ocio aos rapaces da zona, prexudicados pola dispersión xeográfica. As tres accións programadas desbordaron as expectativas dos organizadores, dando cabida a 99 nenos que durante este mes gozan de multitude de actividades, que van dende un percorrido polos continentes e as súas culturas nos LSC Marrozos e O Eixo/Bornais á Nemenzovisión celebrada no LSC Nemenzo, pasando pola Marantelandia no LSC de Marantes, que esta semana vive nun conto, ou as Bustolimpiadas que se levarán a cabo na próxima semana no LSC de Busto. Sen esquecer o LSC da Gracia, que neste mes fará un percorrido por diversas artesanías manuais e creativas.

O rural conta cunha cuarta acción, o campamento organizado no LSC de Figueiras pola asociación veciñal Nova Xeira coa colaboración do Concello, que conta con 23 participantes das parroquias de Figueiras, Villestro e Laraño.

Vive o verán tamén se desenvolve na cidade. Así, no CSC de Vite triúnfan as actividades de movemento como o deporte e o circo, con 22 participantes. A expresión plástica e os xogos son o fío condutor das Mañás de verán no CSC Conxo, que cubriu as 30 prazas dispoñibles e, no CSC das Fontiñas, os 25 pequenos artistas non paran de crear.

Saídas a Cerceda, bailes, xogos e deporte
Mañás de verán participou na primeira saída a Cerceda do programa, que contou con máis de 100 inscritos. A segunda saída ten as prazas completas dende hai días, polo que outros 150 rapaces de Santiago cruzan os dedos para que o día 19 de xullo faga bo tempo.

As seis accións teñen varios puntos de encontro para que tanto nenos como monitores compartan impresións, como por exemplo os Xogos de auga no parque de Bonaval, que tiveron lugar o 11 de xullo, ou os Xogos populares no Local das Asociacións de Cornes os días 13 e 27 de xullo. Sen esquecer a Gran Festa Final que pechará o programa o día 31 no LSC da Gracia e á que están convidados todos os rapaces que participan nas Mañás de verán e xogo.

As tardes tamén contan cunha boa participación. As actividades de baile, moderno e Bollywood, impartidas no parque de Bonaval contaron con máis de 60 participantes e máis de 70 elixiron ir a accións deportivas saudables como ximnasia e tai chi dende que comezaron.

Compartir: