CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC do Ensanche amosa os traballos do artista e animador sociocultural Luís González, Chemical Orange

11/07/2012 O Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche acolle dende o 9 de xullo a exposición The Chemical Orange AKA Luís González: A arte de comunicar a cultura, que recolle a obra de deseño gráfico, grafiti dixital e vídeo creacións do artista e animador sociocultural Luís César Romero González, que formaba parte do equipo de animación deste centro ata o seu falecemento o pasado 12 de xullo de 2011.

Luís González, cuxo nome artístico era Chemical Orange, foi o encargado do servizo de Arte e Cultura entre 2003 e 2006 no Centro Sociocultural da Trisca. En 2006 comezou a traballar no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche. Impulsor de múltiples iniciativas socioculturais na rede de centros de Santiago, e co fin de comunicar da mellor maneira as accións e eventos que se programaban neles, González traballaba sempre implicándose a conciencia e explotando ao máximo a súa faceta creativa e artística.

Así, durante anos achegou os seus coñecementos de deseño gráfico, fotografía e tratamento de textos, que deron como resultado unha significativa produción de carteis, folletos informativos, flyers, tarxetas e fotografías, baixo a particular mirada de quen contempla cada ocasión e cada traballo como un feito único e irrepetible.

Estes traballos expóñense ata o 27 de xullo no CSC O Ensanche, e entre eles destaca a proposta singular de tratamento dos "menús mensuais" de actividades, onde coa selección da "fotografía do mes" resaltaba un aspecto da programación, sempre dun modo sutil e case lúdico, convidando ao espectador a buscar o significado da fotografía escollida e atraéndoo así á lectura dos contidos do soporte informativo.

Igualmente imaxinativas eran as propostas de comunicación das semanas culturais, os programas de man do Obradoiro do espectador, onde apostaba por poñer o rostro de persoas próximas aos centros, dándolle todo o protagonismo aos usuarios e usuarias dos centros, deixando que estes primeirísimos primeiros planos de rostros de persoas comúns resaltaran a idea central da participación. El mesmo, na súa faceta de fotógrafo, facía do feito de fotografar un momento de comunicación co usuario, a quen moitas veces lle devolvía unha imaxe nova de si mesmo.

O predominio de imaxes fragmentadas e coloristas aplicadas aos traballos de comunicación, ademais dun coidado texto, documentado e sempre atractivo con xogos de palabras á procura da sedución da mirada e da lectura, fan do traballo de cartelismo de Luis César Romero González unha suxestiva viaxe pola produción sociocultural baixo o prisma dun artista polifacético, o que sen dúbida enriquecía o seu perfil profesional de animador sociocultural.

Graf Dig
Graf Dig supuxo a presentación na rede de centros da súa creación como artista, amosando o seu traballo expositivo arredor dos sinais e signos do graffiti do que Luís González tiña un gran coñecemento.

Empeñado en poñer en valor esta faceta da arte urbana coa que conectaba profundamente, tanto na súa condición de artista como de educador, algunhas das súas colaboracións en diversas intervencións artísticas, que foron cuantiosas, aínda persisten. Queda constancia tamén doutras intervencións en contornos socioculturais como o portalón do centro sociocultural das Fontiñas e mesmo no muro situado fronte ao CSC A Trisca, que tratou xunto a Mauro Trastoy para ilustrar unha das semanas culturais deste centro.

Intervencións sonoras e visuais
Como artista visual, Chemical Orange foi recoñecido en festivais especializados como o Roteiro de Creación Artística de Compostela e o Curtocircuíto. O seu estilo caracterízase polo uso de tácticas de síntese visual como o break e o noise.

Visualbreak é un descanso visual: engade un pouco de emoción visual ao que doutro modo sería tan só unha paisaxe. Baséase na teoría dos subtítulos que inconscientemente nos fan miralos, ás veces ata impedindo que nos fixemos no demais. Visualnoise emprega as mesmas técnicas mencionadas anteriormente e engade o uso de dispositivos de audio, cables e micrófonos.

Ademais, Luís González participou en cursos de formación sobre guión cinematográfico, impartindo clases de tratamento e postura ante a cámara. No campo da edición de vídeo atopamos todos os seus visualbreaks e a curta que fixo no ámbito do seu traballo como animador no centro sociocultural: Carapuchiña vermella, como empezou todo.

Direcciones relacionadas



Compartir: